Escoitar

A Corporación insta ao goberno local a manter as humanizacións realizadas no centro da cidade

Presentada polo PP, unha moción aprobada por todos os grupos políticos solicita do goberno local o mantemento dos espazos e rúas do centro da cidade que foron humanizados hai máis de tres anos. Outro acordo adoptado por unanimidade posibilitará empregar zonas verdes como espazos públicos de exposición temporal de esculturas.

luns, 30 xuñ 2014
Todos os corporativos apoiaron o texto que reclama do goberno de Vigo o mantemento das zonas humanizadas hai máis de tres anos, dentro da "transformación da zona urbana de Vigo que ven desenvolvéndose desde hai dez anos".

A moción afirma que as melloras merecen "atención diaria e plans de mantemento que sexan constantes" para evitar o seu deterioro, que conlevaría un incremento diario do custe da reparación. A este respecto, o acordo tamén propón ampliar o prazo de garantía coas adxudicatarias dos novos contratos de humanización.

Escultura
Os tres grupos políticos con representación municipal aprobaron outra moción do Partido Popular solicitando ao Concello ofrecer "espazos públicos en zonas verdes a artistas escultores que desexen expor temporalmente a súa obra", en lugares como os xardíns do Castro, Castrelos, A Guía, Navia e Samil. A instancias do BNG, o acordou sumou o requerimento ao Concello de Vigo e á Deputación de Pontevedra a "apoiar aquelas iniciativas destinadas a promover a escultura, como por exemplo a Bienal organizada polo Centro Veciñal e Cultural de Valadares".