Escoitar

Berrogüetto pon fin a súa xira de despedida o domingo 29 de xuño no Centro Cultural Novacaixagalicia

Os membros de Berrogüetto presentaron hoxe en Vigo, acompañados polo concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, o seu derredeiro concerto da xira de despedida anunciada na súa disolución, en febreiro de 2014. Ourense, Santiago, A Coruña e Lugo foron as outras cidades escollidas pola banda para decir adeus ao seu público.

venres, 27 xuñ 2014
1403870804concerto.JPG
O vindeiro domingo 29 de xuño no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia terá lugar o derradeiro concerto da xira de despedida de Berrogüetto, Unha luz que non se apaga. Tras 18 anos de ininterrompida carreira pechan agora o seu historial con cinco concertos únicos e, en todos os sentidos do termo, definitivos; cinco ocasións postremeiras para apreciar as esplendorosas dimensións desta insólita arquitectura emocional. Cinco invitacións á fascinación e ao goce, ao sorriso e ao latexo acelerado, por máis que algún, arriba e abaixo do escenario, quizais loite por reprimir esa bágoa traizoeira da anguria. Será un percorrido cronolóxico inverso, desde o final luminoso do faro até o refulxir daquelas orixes nas madrugadas palpitantes do Café Dublín.

Será, explican eles, unha viaxe de retorno a Ítaca, a esa verde terra soñada da que se converteron en musicais embaixadores. E contarán para iso con polisóns de excepción, todos cantos nalgún momento habitaron o Planeta Berrogüetto: o gaiteiro Fernando Pérez, tan relevante nos inicios; o primeiro violinista da banda, Paco Juncal; as cantareiras que participaron na gravación daquel seminal Navicularia, despois integrantes de Anubía. As entradas levan semanas esgotadas.

Na rolda de prensa de presentación, os membros de Berrogüetto estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, e María Teresa Cores, directora da área sociocultural da Fundación Novacaixagalicia, quen agradeceu á banda "levar a música e a cultura de Galicia ao máis alto e máis aló das nosas fronteiras".
Descargar todas as imaxes