Escoitar

O Concello aproba unha urbanización en Sárdoma con 370 vivendas, a metade de protección

Abel Caballero informou este venres da aprobación inicial do Plan Parcial de Gorgoso, entre Sárdoma e Castrelos, un ámbito con máis de 100.000 metros cadrados de superficie cunha rede de carrís bici e un paseo fluvial. O 51% das 370 vivendas contempladas serán a prezo taxado, salientou o alcalde.

venres, 27 xuñ 2014
Unha vez dado o visto bo, ábrese un prazo de dous meses de información pública deste plan parcial, que suma máis de 12.000 metros cadrados de zonas verdes e case 5.000 para equipamentos públicos. Xunto ás 370 vivendas, o documento inclúe a creación de 242 estacionamentos públicos.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, salientou a reserva de máis da metade do total de vivendas para pisos de prezo taxado, e adiantou que o ámbito inclúe unha rede de carrís bici, un paseo fluvial no entorno do río Barxa e a construción dun tramo da futura ronda cun falso túnel.

Comunicacións previas
A Xerencia de Urbanismo tamén deu conta das 254 comunicacións previas -tamén coñecidas como licenzas express- tramitadas durante o mes de abril, un "magnífico sistema", afirmou o alcalde, que permite obter o permiso en cuestión de días.

Das 254 de abril, 118 permisos foron para obras menores, 42 para reformas e obras maiores e outras 94 autorizacións para actividade. A tendencia é ascendente, pois nos meses de xaneiro e febreiro xuntos se xestionaron 281 comunicacións e 203 no mes de marzo.