Escoitar

O torneo de fútbol Vigo Cup comeza o vindeiro luns 30 de xullo con 3.000 participantes

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe a decimocuarta edición da Vigo Cup, prevista do vindeiro luns día 30 ao 6 de xullo para fútbol (sub 14 e sub 16) e fútbol 7 (sub 7, sub 8, sub 10, sub 12 e Damas). O tradicional campionato, torneo internacional de fútbol base, é non só "un gran evento deportivo", explicou o rexedor, senón tamén "unha mobilización masiva en torno ao fútbol", organizada polo Concello a través da colaboración da Concellería de Deportes, a Fundación VIDE e o IMD.

xoves, 26 xuñ 2014
1403798955vigocup.JPG
"É o deporte total, o fútbol total, o torneo que move máis participantes de todos os que se celebran na cidade", sentenciou o rexedor durante a presentación en rolda de prensa. E non é para menos porque durante unha semana van participar 3.000 nenos e nenas nesta competición de 432 partidos e que, vaticinou o alcalde, "está no bordo do libro Guinness dos récords" debido ao seu tamaño. Precisamente o xefe do goberno local deu moito valor a unha organización así: "É moi difícil. Seguro que a moitas cidades encantaríalles presentar un torneo destas características".

O alcalde estivo acompañado na rolda de prensa polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández; o delegado en Vigo da Federación Galega de Fútbol, Enrique González; o presidente do colectivo arbitral local, Fernando Iglesias; Juan Andonegui (Frutas Nieves) en representación dos patrocinadores privados e membros dunha organización que coordina a unhas 45 persoas para que nada falle en cada campo.

Para Caballero, organigramas como este amosan "a nosa capacidade de cidade, de xerar unha revolución en Vigo en torno ao fútbol base. É a Vigo Cup, é a forma de entender o deporte, pero non soamente é Vigo, que é o núcleo, pois participan dez municipios da proximidade", incidiu. O campionato conta con 170 equipos de 48 entidades de Vigo e de nove municipios da provincia máis (Pontevedra, Redondela, A Guarda, Tui, Gondomar, Nigrán, Mos, Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño), xunto a clubs de Portugal (o GOE, unha selección do área de Oporto; o EF 115 de Maia, o Fernando Pires de Braga, o Palmeiras FC de Braga e o Futebol Clube da Foz, de Oporto), Madrid (Liceo Sport), Asturias (Club Deportivo Rayo Carbayín, de Siero) e Castela-León (Club Deportivo Juventud Villaquilambre, de Navatejera), polo que, subliñou, "estamos diante dun torneo de rango español e internacional".

De luns a sábado, oito campos (Municipal Pahiño de Navia, Comesaña, As Relfas en Sárdoma, A Pirucha en San Miguel de Oia, A Guía, Baltasar Pujales en Bouzas, O Vao e A Bouza en Coia) albergarán as liguiñas clasificatorias (de luns a mércores) e as eliminatorias previas, de oitavos e de cuartos (xoves e venres), mentres que as semifinais (venres e sábado) serán cousa de Comesaña, Bouzas e Navia. Pero o domingo, o evento desprazarase a un estadio de Primeira División. "Non podía faltar Balaídos, que é onde se xogan as finais. Seguramente para os mozos gañadores o premio máis importante é xogar alí", manifestou Abel Caballero, que foi máis aló á hora de dar valor ao coliseo local, ao que situou no caixón do podio mundial. "En termos de fútbol hai tres sitios, Balaídos, o Santiago Bernabéu e Maracaná. Por esa orde".

O campo do IMD en Samil, o Armando Cajaraville, quedará exclusivamente para as exitosas finais do torneo de penaltis, o campionato Warrior, que se xogarán por sétima edición consecutiva e que están previstas o venres polo serán. "Dende o penalti de Sergio Ramos (contra o Bayern hai dous anos) isto levanta moita expectación. Tírano todos mellor que Sergio?, dixo Caballero en ton humorístico.

Este ano, a organización modificou dúas cuestións. "A calor fíxonos tomar unha decisión: suprimir partidos entre a unha e as cinco do serán", levando os encontros a "horas de non excesiva calor", indicou. Ademais, a competición feminina xogarase ás 21:00 e 22:00 horas para que as xogadoras que traballan poidan disputala.

Por outra banda, as finais de fútbol modificarán a súa programación dominical en Balaídos: as de fútbol abrirán a xornada (sub 16 ás 9:00 horas e os sub 14 a continuación) e rematarase cos máis cativos do fútbol 7 (sub 7, sub 8 e sub 10).

O alcalde tamén quixo agradecer os apoios ao trofeo das empresas privadas. "Son tempos difíciles e o apoio tense que valorar aínda máis. Encántanos que permanezan á beira da Vigo Cup".

O acto acabou cun premio simbólico e moi especial. Caballero fixo entrega da acreditación oficial, a gorra da Vigo Cup e un balón Warrior, oficial da competición, ao neno Javier Pazos Pérez, da Unión Deportiva Santa Mariña. "Entregámosllo polo seu esforzo e superación, o ano pasado disputou o torneo xogando ao fútbol como un campión, xogando con deportividad e sendo un fenómeno?, argumentou o rexidor. O Santa Mariña é tradicionalmente o club que máis equipos presenta a este campionato, sendo exemplo de implicación co evento do deporte base anual máis importante de Vigo.

Descargar todas as imaxes