Escoitar
Até o sábado 5 concertos, actvidades na Academia de Sons e a exposición "Vigo ten swing", aberta na Casa das Artes até o 27 de xullo

O pianista Marco Mezquida inaugura a 10ª edición de Imaxina Sons o xoves 26 de xuño

O pianista Marco Mezquida, ao contrabaixista Marko Lohikari e o batería Carlos Falanga, serán os encargados de inaugurar o 10º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons o xoves 26 de xuño ás 21h no Auditorio Municipal do Concello (Praza do Rei). O festival desenvólvese até o 5 de xullo en diferentes espazos da cidade. As entradas xa se poden adquirir en servinova.com e na Central de Espectáculos (Velázquez Moreno, 26).

mércores, 25 xuñ 2014
1403696979imaxina10.jpg
Residentes en Barcelona, Marco Mezquida, Marko Lohikari e Carlos Falanga exploraron de maneira atractiva e persoal o formato de trío de piano a través de composicións propias e intensas versións do repertorio jazzístico. En 2009 gañaron o concurso de jazz de Palma e en 2013 presentaron o seu primeiro disco xuntos "My Friend Marko", con composicións de Mezquida e editado pola discográfica Fresh Sound New Talent. O disco, que recibiu o premio da crítica ao "disco de jazz do ano 2013" pola revista Enderrock, foi presentado en festivais e clubs españois. Recibido como un traballo fresco, o seu proxecto preséntase potente e emocionante, representativo dunha nova xeración jazzeira.

O jazz continuará até o 5 de xullo na cidade con concertos, actividades para todos os públicos na Academia de Sons e coa exposición Vigo ten swing, que permanecerá aberta até o 27 de xullo. Preténdese ademais que o jazz feito en Galicia teña forte presenza nesta edición especial de Imaxina Sons. De xeito que o pianista Alberto Conde presentará en primicia o seu proxecto Human Evolution Music Project (sábado 28), gravado en Portugal e que tende pontes ademais cos sons da India. E outro dos grandes nomes do jazz actual galego, o grupo Sumrrá (xoves 3), prepara un proxecto especial no que colaborarán o guitarrista Alberto Cereijo (Os Suaves), a cantora flamenca Iria Peña e o cuarteto de corda vigués Suelen Estar Quartet.

O MARCO será escenario para experimentacións e os sons insólitos. No seu décimo aniversario, Imaxina Sons contará co francés Pierre Bastien (luns 30), pioneiro dalgúns dos discursos sonoros actuais da música experimental ou a electrónica e recoñecido mundialmente pola súa orquestra de autómatas. O catalán Xavi Lozano (martes 1), multiinstrumentista e creador de sons a partir de obxectos cotiáns, tamén formará parte do cartel de Imaxina Sons.

Nos grandes concertos ao aire libre, volveremos a ver ao gran trompetista Dave Douglas (sábado 5), figura fundamental entre o jazz dos EUA e o jazz europeo, co proxecto Riverside Quartet, que nos ofrece a posibilidade de ver ao baixista Steve Swallow, figura senlleira do free desde os anos sesenta. Neste apartado de Imaxina Sons, o cubano Alfredo Rodríguez (venres 4), o pianista que triunfa nos EUA, colaborador habitual de Quincy Jones e en cuxo último disco colabora Esperanza Spalding.

Na súa décima edición, do 26 de xuño ao 5 de xullo de 2014, Imaxina Sons quere converterse nunha celebración do jazz na cidade. Unha festa da creación musical, da improvisación e do papel da música nas nosas vidas. Buscando a complicidade da cidadanía e a súa implicación nun festival que é xa referencia da vida cultural de Vigo e de Galicia, Imaxina Sons volve levar os sons libres do jazz a diferentes puntos da cidade. O Auditorio Municipal, o MARCO e a praza da Constitución como puntos cardinais da proposta; outros recunchos especiais de Vigo como novos escenarios para o festival.

Consulta toda a programación en:
www.imaxinasons.com
www.vigocultura.org
Descargar todas as imaxes