Escoitar

Font avala os resultados "satisfactorios" da Unidade de Medioambiente e Intervención Rural da Policía Local

O concelleiro de Seguridade asegurou este martes que a UMIR goza de "moitísima importancia dentro da Policía Local" ao atender en exclusiva o ámbito medioambiental e as funcións de seguridade viaria, tráfico e actuacións administrativos no rural vigués.

martes, 24 xuñ 2014
1403610882Font.JPG
O edil de Seguridade, Carlos López Font, explicou que só esta unidade xestiona as cuestións medioambientais dentro da Policía Local, ademais de prestar unha atención específica no rural de Vigo.

Indicou Font que as tarefas principais da UMIR en materia medioambiental abranguen a vixilancia de lumes forestais, queimas, verquidos ilegais, animais soltos ou mortos, inundacións ou danos por temporais, entre outras. Como o resto da Policía Local pero específicamente no rural, esta sección traballa en materia de violencia de xénero, roubos, hurtos, accidentes, vixilancia nos accesos aos colexios, ruídos, danos patrimoniais ou problemas veciñais.

A Unidade de Medioambiente e Intervención Rural tamén programa campañas específicas fixas ao longo do ano, como nas tempadas de caza e pesca, a venda de droga, a inspección de vehículos agrícolas ou a prevención de incendios, apuntou o concelleiro. Por outra banda, esta sección compatibiliza as accións fixas con outras de carácter puntual, como a realizada a inicios deste ano de control do estacionamento sobre as beirarrúas, ademais doutras feitas sobre o uso de móvil ao volante, control de cans perigosos ou a vixilancia dos estacionamentos para discapacitados.

Carlos Font subliñou que a actuación da UMIR permite ter a mesma acción policial no rural que nos numerosos centros cos que conta Vigo, polo que goza de "moitísima importancia dentro da Policía Local". Os resultados da súa acción son "certamente satisfactorios" e o responsable municipal felicitou aos compoñentes da nomeada unidade polo seu traballo.
Descargar todas as imaxes