Escoitar

Inauguración exposición "Vigo ten swing. Unha aproximación á historia do jazz en Vigo"

O martes, 24 de xuño, ás 20:00 h, terá lugar na planta baixa da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a inauguración da exposición "Vigo ten swing. Unha aproximación á historia do jazz en Vigo", organizada pola Concellería de Cultura e Festas con motivo da décima edición do Festival de Jazz IMAXINA SONS.

luns, 23 xuñ 2014
1403524540swing.jpg.jpg
Tras un importante traballo de investigación e documentación, a exposición, comisariada por Aser Fernández Rei, achéganos á relación da nosa cidade co mundo do jazz, que parte dos anos 20 do século pasado.

O obxectivo desta retrospectiva é describir, sistematizar e reconstruir un período de interese para a cidade, que acolle dende hai unha década o Festival Imaxina Sons, que arrancou o 16 de xuño de 2005 na Casa das Artes de Vigo, coa inauguración da exposición fotográfica "Sons Imaxinarios. Imaxes reais" de Carmen Llussá e Javier Nombela, e a actuación dos guitarristas Chema Saiz e Santiago de la Muela. A cidade de Vigo volvía convocar un Festival Internacional de Jazz, despois de vinte anos de interrupción, con concertos, exposicións, conferencias, mesas redondas, master-class e música na rúa.

Esta exposición constitúe unha primeira achega á inserción do jazz na cidade, aos músicos e formacións que desenvolveron e desenvolven a súa actividade aquí, os locais que apostan e apostaron por esta música e que participaron activamente na exhibición e programación de jazz en Vigo.

A reconstrución das pegadas do jazz en Vigo non serían posibles sen a inestimable colaboración de músicos, asociacións, institucións, programadores públicos e privados, así como afeccionados que durante estos anos mantiveron viva a memoria do jazz na cidade.

A exposición "Vigo ten swing" sustentase en tres momentos cronolóxicos, significativos para a actividade musical e jazzeira na cidade:

Un primeiro periodo, entre os anos vinte e cincuenta do século pasado, a través do cal o espectador descubrirá o papel pioneiro de Vigo na recepción do jazz a través de espectáculos nas salas de baile da cidade, da proxección de películas ambientadas no jazz, na posta en marcha en programas de radio centrados neste xénero e, incluso, na importancia do porto e dos mariñeiros como punto de entrada de discos procedentes doutro lado do Atlántico.

Un segundo momento, que ten o seu punto álxido nas décadas dos setenta e oitenta, cunha importante actividade de dinamización cultural na cidade a través de asociacións e novas infraestruturas, con grandes concertos en Vigo e cun primeiro festival internacional de jazz promovido por Xuventudes Musicais co apoio da administración municipal.

Imaxina Sons e a súa traxectoria protagonizan o terceiro momento cronolóxico. Un festival impulsado e organizado polo Concello de Vigo en 2005, cuxa vitalidade queda reflectida na exposición a través dos seus grandes momentos, nos que toman parte artistas e público. A través fundamentalmente das imaxes captadas por Janite Lafuente e da memoria gráfica do festival, mostrarase a relevancia de Imaxina Sons e a súa vontade de ser un festival para goce da cidadanía.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 27 de xullo.
Descargar todas as imaxes

Máis información