Escoitar

O ceo das ilusións e outras colaxes, na Fundación Laxeiro

O ilustrador e deseñador gráfico Fausto Isorna, presenta por primeira vez en Vigo, unha escolma dos<br /> seus colaxes na Fundación Laxeiro do 27 de xuño ó 28 de setembro.

xoves, 26 xuñ 2014
1403784415invitacion.jpg
Despois de ser vista na santiaguesa Fundación Granell, esta exposición recala agora en Vigo, na sede da Fundación Laxeiro, onde se poderá visitar ata finais de setembro. A exposición, entendida como unha selección da súa vasta produción con esta técnica, a meirande parte dela para ser incluída en libros e libro-cd’s, fai un percorrido polos últimos vinte anos de traxectoria do artista, polo que, dalgún xeito, ten un enfoque de revisión dun traballo que, malia ter sido realizado nos anos noventa e nas dúas décadas do século XXI, ten un evidente sabor á estética dos anos oitenta, posiblemente porque é nesa década na que Fausto se forma como deseñador gráfico.

Os traballos que presenta -realizados sen intervención dixital, de forma manualrecrean ambientes oníricos, moi en consonancia coa tradición surrealista, non exentos, sen embargo, dunha certa estética pop, debido á utilización de imaxes sacadas de revistas e demais publicacións da cultura de masas, pero obviando calquera referencia á cultura de consumo.

O resultado ten un alto grao de narratividade que, mediante a utilización maxistral da metáfora visual, nos mergulla en mundos imaxinarios e misteriosos,xurdidos -como di Manolo Figueiras- do interior do artista e, por extensión, do interior de todos nós:
Os seus seres non son dos que chegan dende o espazo exterior; son dos que veñen
do interior: xorden do fondo dos soños, do lugar no que xermolan os mellores e os
peores desexos. ¿Por que nos atraen tanto como nos desacougan? Pois porque alí
hai algo de nós mesmos [...]

Esta narratividade, máis alá de ter que ver coa finalidade das obras –a maioría feitas para ilustrar un texto- está relacionada coa formación visual e o traballo de Fausto que, ademais de creador de colaxes, é deseñador gráfico e autor de banda deseñada e, por tanto, está moi familiarizado cunha forma de comunicación sintética que nestes traballos está moi presente. A diferenza co deseño e o cómic habería que buscala quizais na potencia visual de cada peza, moitas delas barrocas e voluptuosas, que nos poden facer pensar, ademais de en artistas plásticos como R. Magritte, en cineastas como David Lynch, un autor cunha estética moi ancorada tamén nos anos oitenta.

No dominio de rexistros diversos da nosa bagaxe visual, postos ao servizo dun certo inconsciente colectivo é onde atopamos unha familiaridade iconográfica e narrativa que, sen embargo, se visualiza mediante unha evidente sensación de estrañamento, provocada pola xustaposición de códigos que Fausto sempre leva ao terreo do misterio.

O ARTISTA
Recoñecida figura do mundo artístico galego, Fausto Isorna (Catoira, 1961) conta no seu currículo con traballos dentro do campo do deseño gráfico, a ilustración, a edición e o cómic.

Nos seus anos de mocidade, entrados os anos oitenta, Fausto Isorna inicia a súa carreira como autor de cómic a través de revistas de creación propia, auto editadas como Diplodocus e tamén participou en publicacións como Aula Aberta, Tintinman ou en xornais como El Correo Gallego. En 1983 crea o fanzine Valium Dez, que rapidamente se converte no fanzine de referencia desa época con mil exemplares vendidos. Tamén participa na creación da revista Das Capital, sen dúbida un preludio do que logo sería o seu labor como editor. Ao mesmo tempo, Fausto traballa en proxectos de produción propia, dando luz a dous albumes como Os viaxeiros do tempo e a serie Un misterio para Simón.

En 1999, baixo o amparo de Edicións Xerais, Fausto Isorna exerce o labor de director artístico e creador do personaxe que da nome á revista Golfiño, un referente básico na historia da Banda Deseñada galega e porta de entrada no cómic para numerosos xoves lectores da época. En 2002, grazas á gran popularidade da revista, Golfiño pasa a ser distribuída como suplemento do periódico La Voz de Galicia, acadando tiradas sen precedentes de máis de 160.000 exemplares.

Nos últimos anos, Fausto Isorna alterna o seu labor como ilustrador de libros infantís e xuvenís con traballos como deseñador gráfico, escenógrafo e creador de sitios web. Tamén é coñecido o seu labor como director na editorial El patito editorial. Fausto recibiu o Premio Ourense de Banda Deseñada en 1996 a toda unha traxectoria, concedido pola Casa da Xuventude de Ourense.

PUBLICACIÓNS
1988 - Os viaxeiros do tempo (Xuntanza Editorial)
1994 - Un misterio para Simón: A irmandade dos lectores tristes (Xerais)
1995 - Un misterio para Simón: Flores de Hiroshima (Xerais)
1996 - Un misterio para Simón: No nome da amada morte (Xerais)
1999 - Un misterio para Simón: A maldición dos velasco (Xerais)
2005 - Mellor que dicila fora pintala (Galaxia)
2007 - Un misterio para Simón: Están vivas ( Xerais)
2007 - 64x15 (El Patito Editorial)
2007 - Vente, rapasa! (Fundación Rosalía de Castro)
2007 - Contos que cantou o grilo (Tambre)
2010 - Salomé, Os 7 Veos (Centro Dramático Galego)
2011 - Rosalía de Castro: La Flor / A mi Madre (El Patito Editorial)
2011 - Golfiño e os invasores (El patito)
2013 - Nas Tardes Escuras (El Patito Editorial)
2014 - Animal Fun! (El Patito Editorial)

PROGRAMACIÓN ESTIVAL DA FUNDACIÓN LAXEIRO

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro completa a súa oferta expositiva para
os meses de verán, nos que, ademais da Colección permanente, os visitantes
poderán gozar desta mostra temporal, ben de xeito espontáneo e individual, ben
en forma de visita guiada, realizada en colaboración co grupo de voluntariado
cultural, previa reserva de cita.
Descargar todas as imaxes