Escoitar

Caballero anima a todo Vigo a participar o 18 de maio na Primeira Andaina Polos Montes de Vigo

Tal e como explicou hoxe o rexedor, esta iniciativa permitirá aos vigueses achegarse a "ese gran descoñecido" que son os montes de Vigo. Acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, fixo un chamamento á participación nunha actividade complementaria ao exitoso proxecto Camiño a Camiño, que conta nestes momentos cunha participación de máis de 4.000 persoas.

xoves, 24 abr 2014
1398352898montes.JPG
Abel Caballero, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Chus Lago, deu conta esta mañá da Iª Andaina polos montes de Vigo, colofón do programa de educación medioambiental Camiño a Camiño que se leva desenvolvendo dende hai sete anos e que conta xa nestes momentos cunha participación superior aos 4.000 cidadáns e cidadás. Durante a súa presentación, o rexedor invitou a todo Vigo a sumarse a unha iniciativa que permitirá achegarse o próximo 18 de maio aos montes de Vigo"o gran descoñecido na cidade".

A Iª Andaina polos montes de Vigo consiste nun encontro dos vigueses e viguesas co entorno no que viven en plena explosión da primavera. Tamén busca pór en valor dun patrimonio natural e paisaxístico excepcional co que conta o municipio e que cómpre coñecer para saber darlle un uso recreativo dende o respecto e a conservación. Como non, tamén é unha invitación á realización de exercicio físico como xeito de manter hábitos saudables.

Faise en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo, que agrupa as trece comunidades de montes presentes no concello, e conta co patrocinio de Eroski e de El Corte Inglés que contribúen a que o evento se poida facer dun xeito máis agradable a través dos kits de avituallamento, da camiseta da proba e dun concurso fotográfico entre os participantes.

Entre todos aspírase a que máis dun millar de persoas de todas as idades "salten" aos nosos montes e realicen un dos tres percorridos propostos con distinto nivel de dificultade:

-Andaina longa (36,9 km): PF Saiáns – PF Vixiador. Dificultade alta
-Andaina media (26 km): PF Monte dos Pozos – PF Vixiador. Dificultade media-alta
-Andaina curta (16,4 km): PF Beade – PF Vixiador. Dificultade media-baixa
A andaina toma como referencia a Senda panorámica de Vigo (GR-53) e diversos percorridos realizados os domingos en Camiño a Camiño, se ben nesta ocasión o percorrido realízase integramente polo termo municipal e logra pasar por once das 13 comunidades de montes existentes (San Xurxo de Saiáns, San Miguel de Oia, Coruxo, San Andrés de Comesaña, Matamá, Valladares, Zamáns, Beade, Bembrive, Cabral e Candeán).
Tamén vai servir para dar a coñecer os sendeiros locais de trazado circular que Concello de Vigo e Mancomunidade de Montes están a acondicionar e pretenden difundir durante este exercicio 2014. Exemplos destas actuacións son os sendeiros de Saiáns e Matamá-Comesaña.

Segundo indiocu o rexedor, aqueles/as interesados en participar na Iª andaina polos montes de Vigo teñen que realizar a súa preinscrición a través do 010 (para móbiles: 986810260), en horario de 8 a 20 horas, dende o luns 28 de abril ata o 14 de maio.

De xeito paralelo organízase un concurso fotográfico "Descubre Vigo desde os seus montes".


Funcionamento da andaina
Unha vez preinscritos/as terán que acabar de realizar a inscrición na Casa da Xuventude (López Mora 31) en horario de 9 a 14 e de 17 a 20 horas, dende o 2 ata o 14 de maio. Neste momento cubrirán a ficha de inscrición, que supón a aceptación do regulamento da andaina (ver abaixo) e aboarán os 2 euros (1 euros para menores de 12 anos). Esta achega destinaráse a cubrir o desprazamento en Vitrasa dende a Praza do Rei ata os puntos de saída e, ao rematar, volver ao punto de partida en Praza do Rei. Deste xeito quérese evitar o emprego de vehículos particulares nun percorrido lineal, coas consabidas molestias, e, ao mesmo tempo, promover o emprego de transporte público.

Coa inscrición entregarase a tarxeta de participación e un vale para recoller entre os días 12 e 16 de maio en El Corte Inglés (sección Deportes) a camiseta conmemorativa da Iª andaina polos montes de Vigo. O mesmo día da andaina, presentando a tarxeta de participación no control de saída establecido na Praza do Rei, entregarase un kit con material de avituallamento e promocional cortesía de Eroski. Tamén ao longo do percorrido, poderase completar o avituallamento.

Unha vez chegado ao punto de saída das distintas andainas, iniciaranse as mesmas co acompañamento de persoal de organización que encabezarán os grupos e que se verán reforzados en diversos puntos críticos ou travesías por colaboradores das distintas comunidades de montes que se transitan. Tamén participará a Policía Local e Protección Civil para atender os cruces perigosos ou posibles eventualidades no discorrer da actividade. En total prevése un equipo de apoio de preto de 100 persoas.

A medida que os participantes na andaina longa superan o punto de inicio da andaina media, incorporaranse os participantes nesta e, igualmente na andaina curta. Nos puntos de avituallamento non está previsto parar, agás que se precise empregar os baños químicos habilitados.
En todo caso está previsto realizar unha parada máis extensa no Parque forestal de Beade, onde se poderán recuperar forzas e empregar os servizos alí habilitados. A partir deste punto, todos os participantes conformarán unha serpe humana ata chegar ao Parque forestal de Vixiador. A chegada está prevista a partir das 19:30 horas, momento no que estarán dispoñibles as lanzadeiras que volverán á Praza do Rei. No momento de chegada pasarase polo control de chegada, no que se sellará a tarxeta de participación.

Precisamente coa tarxeta de chegada selada poderanse presentar os participantes no concurso de fotografía "Descobre Vigo dende os seus montes" promovido por El Corte Inglés.


Na rolda de prensa acompañaron ao alcalde Javier González Sampedro, director de relaciones institucionales de Galsa-Grupo Eroski; Pati Blanco, director de relaciones externas, Corte Inglés; e Uxío González, presidente de la Mancomunidad de Montes de Vigo.
Descargar todas as imaxes