Escoitar

O Concello adicou máis de 14 millóns a políticas de benestar o ano 2013

Abel Caballero afirmou hoxe luns que as políticas sociais seguirán a ser prioritarias no orzamento 2014 que se está a elaborar. Así o indicou en rolda de prensa logo de repasar os investimentos sociais de 2013, cun importe que superou os 14 millóns de euros.

luns, 3 feb 2014
O alcalde de Vigo cifrou hoxe luns en máis de 14 millóns de euros o montante investido polo Concello en materia social ao longo de 2013. Ao tempo que ofrecía estas cifras, aseguraba que a política de benestar seguirá a ser prioritaria no orzamento de 2014 que nestes momentos está en fase de elaboración.

Tal e como explicou, o Concello concedeu en 2013 preto de dúas mil axudas de emerxencia social, cun importe global de medio millón de euros. Desta cantidade, máis de cen mil euros, foron para 565 axudas de alimentación; máis de oito mil para 20 axudas de aloxamento; un cuarto de millón para 715 axudas de aluguer e máis de cen mil euros para atención sanitaria, auga, hipotecas, gastos de luz e gas, entre outros servizos.

A estas axudas de emerxencia súmanse os preto de 3 millóns de euros do Plan Municipal contra a Crise, 2,9 millóns para axuda no fogar; 1,5 millóns para Cedro; 663.000 para o centro de inclusión social; 330.000 euros para dous centros de día; 140.000 euros para proxectos de persoas con discapacidade; 100.000 para axuda ao tercer mundo; 25.000 euros para subvencionar taxis para discapacitados; 40.000 euros de axuda médico-farmacéutica; 45.000 euros para actividades de maiores; 80.00 euros do programa xantar na casa; e, por último, 70.000 euros para actividades de grupos desfavorecidos.

Tamén se inclúe neste gasto social o servizo de teleasistencia, que supón un custo de 155.126 euros, así como 1,6 millóns de euros para bolsas de comedor, unha partida que se aumentou en 330.000 euros respecto de 2012, para cubrir o recorte da Xunta e evitar as listas de agarda nos comedores.