Escoitar

O Concello reclama que a Xunta asuma o incremento da taxa do lixo de SOGAMA

A Sociedade Galega de Medioambiente, dependente da Xunta de Galicia, incrementa para 2014 o canon aos municipios polo tratamento dos residuos, unha suba que en Vigo suporía máis de dous millóns de euros, 9 euros máis no recibo de cada familia. O Pleno, por unanimidade, pide ao goberno autonómico que asuma esta cantidade.

luns, 28 out 2013
A moción, presentada de urxencia polo goberno municipal de Vigo, recabou o apoio dos tres grupos políticos da Corporación e insta á Xunta de Galicia a asumir o coste en Vigo do incremento do canon de SOGAMA, estimado en máis de dous millóns de euros.

Esta suba autonómica pola xestión dos residuos tería un coste de nove euros máis no recibo do lixo, un incremento do 10,55%, segundo estimacións do Concello de Vigo. "Este encarecemento responde á decisión do goberno do señor Rajoy sobre o fin do copago eléctrico, unha actividade que reportaba a SOGAMA o 25% dos beneficios en concepto de xeración eléctrica". Esta modificación rebaixa os ingresos da entidade e "a Xunta non asume o problema e decide trasladalo aos concellos, resultando directamente perxudicada a cidadanía", explica o texto.

O acordo insta á Xunta de Galicia a asumir o importe do incremento do canon e recorda que o Concello de Vigo ven de conxelar as taxas, impostos e prezos públicos para o vindeiro exercizo.