Escoitar

Inauguración exposición "Mulleres baixo sospeita. Memoria e sexualidade (1930-1980)"

Este luns, 28 de outubro, ás 20:00 h, inaugurarase na planta primeira da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "MULLERES BAIXO SOSPEITA. Memoria e sexualidade (1930-1980)", organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, en colaboración coa Concellería de Cultura e Festas.

venres, 25 out 2013
1382693777mulleresbaixo.jpg
O tema que guía a exposición, comisariada por Raquel Osborne e María Rosón, é a sexualidade das mulleres entre 1930 e 1980, e que a través dos obxectos e documentos que tiveron preto das súas vidas (documentación orixinal, libros, fotografías, carteis, pinturas, obxectos, etc) marcará un percorrido temático e non lineal entre o íntimo e o público, o popular e as elites, o anónimo e o concreto.

Un mosaico inacabado cunhas protagonistas: as mulleres postas baixo sospeita durante a ditadura franquista, que malia estaren duramente reprimidas en ocasións atoparon espazos nos que se expresaren con voz de seu. A sexualidade é o fío que nos guía para ir mesturando a vida íntima e a vida pública dunha ditadura que quixo, e ás veces logrou, dirixir os corpos e as almas. Pero que tamén fracasou no seu propósito totalizador, baixo o impulso das "novas" mulleres" e a memoria das maiores.

O cambio e as resistencias móstranse cos diferentes contidos de cada espazo. O tema, o estilo e os materiais propostos son claramente recoñecibles, evitándose a monotonía, pero asemade, hai elementos comúns e propósitos que unifican e orientan o itinerario: uns moi breves datos sobre o estado material do país (alfabetización, natalidade, emprego feminino); o recurso á iconografía da época (carteis, estampas, manuais ou breviarios, publicidade, propaganda, obxectos cotiáns); a mestura de niveis (elites e cultura popular; decisións do réxime e efectos cotiáns); a presenza de trazos xerais e de personaxes concretos, con nomes e apelidos, mulleres, protagonizan cada espazo e mesturan a súa biografía coa temática xeral.

A mostra divídese en cinco áreas temáticas :
* As modernas
* Individuas de dubidosa moral
* As domesticadoras
* As decentes
* As liberadas

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 30 de novembro.
Descargar todas as imaxes

Máis información