Escoitar

O Concello respalda con 83.000 euros ao Banco de Alimentos de Vigo, incluíndo o aluguer da nave

O alcalde rubricou este xoves o acordo entre o goberno de Vigo e o Banco de Alimentos da cidade para sufragar con 15.000 euros o aluguer do local da entidade, parte dos 83.000 euros que lles achega o Concello este ano. O apoio municipal aos comedores sociais en 2013 suma 423.000 euros, polos 75.000 euros de 2011.

xoves, 24 out 2013
1382616026alimentos.JPG
O Concello de Vigo e a Federación Provincial Banco de Alimentos da cidade rubricaron este xoves o convenio entre as partes polo que a administración local achega 15.000 euros para costear o aluguer da nave que emprega a entidade. O rexedor manifestou que a relación do Concello co Banco de Alimentos é "moi fluída" e salientou o seu "traballo encomiable".

Así o indicou esta mañá o alcalde de Vigo, quen recordou asemade que o goberno local achega en 2013 un total de 83.000 euros ao Banco de Alimentos. A Federación Provincial non é a única entidade destas características que ve respaldada a súa actividade por parte do Concello, pois a administración presidida por Caballero concedeu este ano 423.000 euros a distintos comedores sociais, cifra que case multiplica por seis os 75.000 euros consignados hai dous anos.

"Cremos que é absolutamente imprescindible mantelo e, se podemos, aumentalo", apuntou Caballero sobre a achega a comedores sociais. "E por iso, nos orzamentos do próximo ano, propoñémonos aumentar a dotación aos comedores sociais e a Banco de Alimentos", afirmou o socialista, unha cantidade que podería superar o medio millón de euros.
Descargar todas as imaxes