Escoitar

O Concello pide a derrogación do copago dos fármacos dispensados nos hospitais

O Pleno da Corporación aprobou hoxe luns esta moción, presentada polo grupo socialista e apoiada polo nacionalista coa oposición do PP, rexeitando este novo copago e instando á Xunta de Galicia a solicitar ante o Ministerio a derrogación desta resolución.

luns, 28 out 2013
O acordo adoptado este luns rexeita o novo copago para os fármacos que se dispensan nos hospitais de xeito ambulatario e reclama da Xunta de Galicia que inste ao Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade a derrogar a resolución de 10 de setembro de 2013, que modifica as condicións de financiamento de medicamentos.

A aprobación plenaria tamén require da Xunta que, como fixeron outras autonomías, anuncie públicamente que non será de aplicación en Galicia e, polo tanto, os afectados "non terán que realizar ningún tipo de pago" neste concepto.

Outros acordos
A unanimidade dos concelleiros da Corporación decidiron respaldar dúas mocións presentadas polo PSOE ante o Pleno. A primeira, defendida polo concelleiro de Fomento, David Regades, insta á Deputación de Pontevedra a urbanizar a estrada Garrida-Valadares, ata o cruce da estrada da Venda, viario de competencia provincial, para mellorar as condicións de seguridade que actualmente impiden que se preste o servizo de transporte público colectivo pola mencionada rúa.

En segundo lugar, o Pleno esixiu do goberno autonómico a "remodelación integral do complexo de atletismo en Balaídos cun importe mínimo de tres millóns de euros", en virtude dos compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia co atletismo vigués. O texto recorda que o Concello cumpriu co acordo de 2009 co executivo presidido por Núñez Feijóo construindo o pavillón de Candeán, mais a Xunta -que incluso o licitou no 2011- non acometeu a reforma e ampliación do complexo deportivo de atletismo de Balaídos.