Escoitar

O goberno de Vigo adica 588.000 euros a reformar 12 viais nas parroquias

Estes proxectos foron aprobados hoxe venres polo goberno local e inclúen actuacións en Sárdoma, Candeán, Cabral, Sampaio, Valladares, Castrelos, Lavadores, Beade, Saiáns, Oia e San Andrés de Comesaña. O Concello tamén licitou o asfaltado de 13 viais no casco urbano, cun orzamento de 381.000 euros

venres, 27 set 2013
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este venres a aprobación dos proxectos de mellora de infraestruturas nas parroquias, 588.000 euros para 12 actuacións no rural vigués cun prazo de execución entre os dous e tres meses.

O goberno de Vigo actuará, mediante esta iniciativa, en Sárdoma, Candeán, Cabral, Sampaio, Valladares, Castrelos, Lavadores, Beade, Saiáns, Oia e San Andrés de Comesaña, segundo expuxo hoxe Caballero.

A sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local deste venres tamén deu luz verde á licitación do expediente de contratación das obras de reforzo da capa de rodadura no firme de trece viais do casco urbano vigués, cun orzamento que ascende aos 381.000 euros. Segundo esta decisión, o Concello de Vigo procederá ao asfaltado, cun prazo de execución de tres meses desde a adxudicación definitiva, das rúas Cachamuíña, Caracas, Don Quijote, Gerona, Heraclio Botana, José Frau, o túnel de Praza América, Ricardo Portela, San Amaro, Sergio Saborido, Tomás Paredes, Paz e Juan Ramón Jiménez.