Escoitar

O Concello adxudica cinco vivendas en Navia con aluguer de balde para familias desafiuzadas

O alcalde informou da aprobación da listaxe definitiva de admitidos ao concurso público municipal para optar as vivendas do Concello en Navia para familias desafiuzadas. Os cinco candidatos que cumpriron as bases terán dous anos de aluguer de balde, con posibilidade de amplialo por outros seis meses.

venres, 27 set 2013
1380294757Imagen005.jpg
O Concello dispuxo sete vivendas de titularidade municipal en Navia para familias desafiuzadas da súa vivenda habitual ou en proceso de desafiuzamento. Tras a aprobación da listaxe definitiva, serán cinco a ocupar con aluguer a "coste cero", indicou Caballero, ao non cumprir as catro solicitudes restantes coas bases.

O goberno de Vigo requeriu para optar que a vivenda desaloxada estivera en Vigo, que o desafiuzamento derive dunha execución hipotecaria dun préstamo menor a 180.000 euros, que as familias non gocen de vivenda en propiedade, teñan unha rendas baixas e estean empadroados na cidade.

Os beneficiarios son tres unidades familiares con fillos -unha xa desafiuzada e as outras dúas próximas a ter que abandonar a vivenda-, unha muller en paro cun fillo e outro home en situación "tamén dramática", explicou o alcalde. Caballero apuntou que os dous pisos que quedaron sen adxudicar serán postos novamente a concurso público, quizá ampliando os requisitos para facilitar o acceso das familias.

Xerencia de Urbanismo
Noutros asuntos abordados na sesión do Consello celebrada este venres, o Concello de Vigo concedeu dez axudas á rehabilitación por importe de 24.500 euros para unha vivenda na rúa Chao e un edificio de nove pisos na rúa Real. Por outra banda, a Xerencia municipal de Urbanismo concedeu esta semana 26 licencias de obra e 4 de actividade para un investimento total de 364.000 euros.
Descargar todas as imaxes