Escoitar

Caballero convoca o Consello Social e inicia contactos para "sensibilizar" á cidade sobre a "importancia" do naval

O alcalde anunciou este xoves a convocatoria do Consello Social para o próximo luns, 8 de xullo, ás 18 horas, para respaldar ao sector naval vigués. Paralelamente, Abel Caballero inicia mañá unha rolda de contactos con colectivos para "sensibilizar á cidade da importancia do apoio ao naval".

xoves, 4 xul 2013
1372938386alcalde6.jpg
Segundo a convocatoria feita pública hoxe xoves por Caballero, o Consello Social da cidade abordará a situación do sector naval de Vigo o próximo luns, 8 de xullo, ás 18 horas, ante a posibilidade de que Europa obrigue á devolución das bonificacións recibidas desde 2005 en base ao anterior sistema fiscal vixente, coñecido como tax lease.

"Quero que todo o Consello Social apoie o naval de Vigo", asegurou o alcalde tras anunciar a convocatoria, e avanzou que iniciará contactos diarios con colectivos vigueses para "sensibilizar á cidade da importancia do naval e do apoio ao naval".

A primeira cita será mañá venres con asociacións veciñais e a participación de Caballero e os sindicatos CC.OO., UGT e CIG. Posteriormente será o turno dos comerciantes, colectivos culturais, deportivos, etcétera.

"Estamos nun momento clave, importantísimo", asegurou o rexedor, xa que "agora temos o apoio de toda España" na defensa do sector naval e "temos que manter a atención centrada" nesta cuestión.

Abel Caballero solicitou ao presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, que actúe directamente co presidente da Comisión Europea, Durao Barroso, para evitar a devolución do tax lease.
Descargar todas as imaxes