Escoitar

Vigo, sede dunha reunión europea para identificar boas prácticas na mobilidade sostible

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor, participou este mércores na reunión do comité directivo do proxecto europeo SUM, formado por 14 entidades de 9 países, que continuará mañá co primeiro dos tres obradoiros temáticos que prevé a iniciativa. O Concello lidera este proxecto europeo, cun orzamento de 1,7 millóns.

mércores, 24 out 2012
1351079893sum.jpg
Desde este mércores, 24 de outubro, a cidade de Vigo acolle unha reunión do comité directivo do SUM Project -iniciativa europea que lidera o Concello e no que participan 14 entidades representando a 9 países da Unión-, que contou coa participación do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Santos Héctor. O traballo dos socios continuará mañá xoves co primeiro dos tres obradoiros temáticos previstos dentro desta iniciativa.

Este proxecto é un dos que impulsa o Concello no eido da eficiencia enerxética e o desenvolvemento sostible, con participación de España, Portugal, Italia, Letonia, Polonia, Bulgaria, Francia, Suecia e Inglaterra, e procura o intercambio de coñecementos e experiencias entre os socios, a identificación das prácticas máis eficaces para animar á cidadanía a empregar transportes urbanos limpos e a elaboración, como conclusión, dun plan de acción en cada rexión.

Na cita deste mércores, todos os membros do proxecto avalian e realizan un seguemento das distintas actividades do proxecto e o obradoiro de mañá xoves servirá para analizar e compartir os resultados dos informes redactados por cada socio, conclusións que serán publicadas en marzo de 2014 nunha guía de boas prácticas.

Vigo presenta dúas experiencias en marcha relacionadas co transporte limpo, o MOBI.Europe e o MOBI2GRID, impulsados por FAIMEVI e o CTAG, quenes formarán parte do obradoiro temático.
Descargar todas as imaxes