Escoitar

Vigo celebra con actividades lúdicas o Día Internacional dos Museos

O Museo Quiñones de León e a Pinacoteca organizan actividades lúdicas os días 18,19 e 20 de maio co motivo do Día Internacional dos Museos, que este ano se conmemora baixo o lema "Museos nun mundo cambiante: novos retos, novas inspiracións"

martes, 15 mai 2012
1337086160diamuseos.jpg
O Museo Quiñones de León abrirá as súas portas, de forma continuada, entre as 10.00 e as 20.00 horas. A actividades programadas co título "Vouche contar unha historia...." terá lugar ás 10.00, ás 11.00 e ás 12.00 horas.

"Vouche contar unha historia....": Dª Inés de Mandamoito, dama viguesa do século XVIII; e Dª Filiberta Mandamáis, a "dama das conservas" do XIX, levarán aos seus convidados e convidadas polo Pazo de Castrelos, achegándoos á historia da máis famosa residencia pacega do Concello.

Entrada libre e gratuíta ata completar aforamento (60 persoas por grupo). Terán preferencia as persoas ou grupos que fagan a súa reserva previa por teléfono: 986 29 50 70 // 986 29 50 75 ou por fax: 986 23 93 72, ata o mércores 16 de maio, 20.00 h. Por correo electrónico: museocastrelos@vigo.org ata o venres 18 de maio, 8.00 h.

Ás 11 horas o alcalde dará lectura do bando do Día Internacional dos Museos no decurso dunha recepción.

Ás 23.00 horas celebrarase un concerto nocturno a cargo do grupo de música folk "Riobó", protagonizado pola súa solista, a violinista Begoña Riobó. O concerto desenvolverase no xardín principal do Pazo ou ben no seu interior, segundo as condicións climatolóxicas.
Entrada libre e gratuíta ata completar aforamento (100 persoas).

Pinacoteca

A Pinacoteca municipal "FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO" realizará a actividade "Misterio na Pinacoteca" o sábado, 19 de maio, ás 12.00 e ás 13.00 horas e o domingo, 20 de maio, ás 12.00 e ás 13.00 horas.

DESCRICIÓN:
Bota unha man á nosa U.E.P. (Unidade Especial Pinacoteca) e axuda a resolver este preocupante misterio. Nenos e nenas, coas súas familias, recibirán as pistas necesarias para descifrar o enigma. Hai recompensa!!.

Entrada libre e gratuíta ata completar aforamento (30 persoas por grupo).
Descargar todas as imaxes