Escoitar

O Concello programa dúas conferencias para achegar a figura de Valentín Paz Andrade aos escolares

Esta iniciativa forma parte da programación municipal para a celebración do Día das Letras Galegas 2012, que este ano se centra na figura do polifacético pensador, escritor e ensaista Valentín Paz Andrade. As charlas terán lugar mañá 15 ás 11,30 no IES Valentín Paz Andrade e o mércores 16 ás 11,30 no Ceip Josefa Alonso.

luns, 14 mai 2012
Con motivo da inminente conmemoración do Día das Letras Galegas, o servizo municipal de Educación, contribúe ao estudo da vida e obra da figura homenaxeada este ano, na procura de colaborar cos centros de ensino no mellor coñecemento da nosa lingua e cultura. Para contribuir a profundizar na investigación de Valentín Paz Andrade, o Concello ten distribuído entre os centros de ensino da cidade un lote bibliográfico integrado por dous títulos: "Biografía de Valentín Paz Andrade" da autoría de Xoan Carballa (publicado por Editorial Galaxia) e "Biografía e antoloxía de Valentín Paz Andrade "da autoría de Charo Portela (publicado por Edicións Xerais de Galicia, no marco da súa colección Merlín).

Estes dous libros relatan de forma amena e detallada a vida de Valentín Paz Andrade, e dan conta das súa prolífica actividade como avogado, empresario, especialista en temas pesqueiros, político, poeta ou xornalista. Todas estas facetas da súa vida son presentadas ao profesorado e alumnado por medio de documentos, fotografías e unha completa cronoloxía. Trátase dunha aventura biográfica apaixonante dun home clave na historia do século XX, que concebiu Galicia como a súa tarefa.

Con este cometido e no marco da programación municipal para a celebración do Día das Letras Galegas 2012, o autor Xoan Carballa impartirá unha conferencia para escolares no IES Valentín Paz Andrade este martes 15 ás 11,30 hs e a autora Charo Portela impartirá outra conferencia para escolares no Ceip Josefa Alonso o mércores 16 ás 11,30.