Escoitar

O Concello ultima un plan de eficiencia enerxética baseado na eólica, a solar e a xeotermia

O concelleiro de Fomento, David Regades, presentou este martes as liñas principais do plan de eficiencia enerxética para o mandato actual, baseado na biomasa, na instalación de paneis fotovoltaicos, minixeradores eléctricos e dispostivos xeotérmicos en distintos puntos da cidade. As obras para a instalación dos minixeradores en Samil, Beade e no Parque Tecnolóxico están xa en marcha.

martes, 31 xan 2012
1328014675regades.jpg
O responsable municipal de Fomento apuntou que este plan, a desenvolver nos catro anos do presente mandato, continúa aberto pois o goberno local continúa auditando colexios de Vigo para ver as posibilidades de instalar biomasa como sistema termico nos centros.

Esta "aposta do Concello polas enerxías limpas", en verbas de David Regades, prevé a captación de enerxía solar, eólica e xeotérmica que permita tanto un aforro económico como unha menor contaminación.

Os primeiros pasos do plan están xa en marcha, os minixeradores eléctricos do complexo deportivo de Samil, de Beade e do Parque Tecnolóxico están en obras, en virtude dun convenio asinado con FAIMEVI, a axencia de enerxía de Vigo. Habilitaranse igualmente caldeiras térmicas de biomasa no Parque Central de Servizos do Concello, na piscina municipal de Teis e na Escola Municipal de Música. O goberno local analiza a posibilidade de instalalas nos centros educativos vigueses.

No tocante aos paneis fotovoltaicos, Regades explicou que ampliarán os xa operativos no Parque Central e disporán de novos no Colexio Ría de Vigo, na cuberta do Concello e nas humanizacións -xa adxudicadas- de Pintor Colmeiro, Brasil, Martínez Garrido e Aragón, con pérgolas fotovoltaicas. A reforma de Aragón tamén contará cunha turbina hidráulica que xerará enerxía aproveitando os desniveis das canalizacións soterradas.

O goberno municipal prevé dous proxectos innovadores baseados na xeotermia, un deles na Casa de Xuventude -aproveitando a temperatura máis estable dos pozos de auga subterráneos- e un segundo no Museo Verbum, que empregará as canalizacións procedentes da depuradora.

O concelleiro indicou que estas medidas proxectadas polo goberno presidido por Abel Caballero aforra anualmente uns 140.000 euros coa substitución nas rúas das lámpadas de mercurio polas de socio, máis eficientes económica e medioambientalmente. Regades apuntou que o Concello solicitou subvencións para todos os proxectos incluídos neste plan ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) e ao INEGA (Instituto Enerxético de Galicia).
Descargar todas as imaxes