Unanimidade na Corporación para adiantar 224.000 euros aos clubs deportivos de elite

A proposta levada polo goberno local este luns ao Pleno do Concello de Vigo obtivo o voto favorable de todos os grupos políticos, polo que os clubs de elite da cidade percibirán 224.000 euros para subvencionar a súa actividade. Trátase dun adianto do 50% do total consignado que procura facilitar ao deporte vigués continuar nas respectivas competicións.

luns, 30 xan 2012
O goberno de Vigo elevou este luns á sesión plenaria ordinaria do mes de xaneiro unha modificación de crédito para adiantar 224.000 euros da partida consignada nos orzamentos municipais para os clubs deportivos de elite da cidade.

Este acordo foi adoptado co respaldo dos tres grupos políticos con representación municipal e significa adiantar a metade da cantidade orzamentada para subvencionar á actividade dos equipos punteiros vigueses, co obxectivo de facilitar a continuidade na competición.

A concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, explicou que esta modificación débese a que ningún municipio nin deputación provincial ten aprobado o seu orzamento para 2012, pois houbo que agardar ao contido do decreto do Goberno de España, finalmente aprobado o pasado 31 de decembro. Por outra banda, a normativa impide prorrogar subvencións polo que, ante esta situación legal, o goberno de Vigo optou por efectuar unha modificación orzamentaria para axudar aos clubs deportivos.

O grupo municipal do BNG recordou que, no anterior mandato, este tipo de axudas ao deporte sempre aumentaron e estiveron dispoñibles xa no mes de xaneiro. O Partido Popular criticou a "incapacidade" do executivo local xa que esta cantidade procede da partida das festas de verán.