Escoitar

O Pleno de Vigo aproba propoñer á Xunta que o novo hospital leve o nome de Álvaro Cunqueiro

A Corporación municipal acordou no Pleno de hoxe luns propoñer á Xunta que o novo hospital de Vigo se chame Álvaro Cunqueiro. PP e PSOE deron luz verde a unha moción dos populares, que aceptaron unha emenda do BNG para que se inclúa dentro desta petición que a Xunta, a súa vez, recolla e teña en conta as distintas propostas que poidan achegar colectivos sociais da cidade para poñerlle nome ao hospital de Vigo. O BNG abstívose na votación.

luns, 30 xan 2012
O Concello de Vigo acordou na sesión plenaria desta mañá de luns propoñer á administración autonómica que o novo hospital de Vigo leve o nome do escritor Álvaro Cunqueiro. O Partido Popular, grupo propoñente da moción, aceptou unha emenda do BNG que ampliaba esa petición á Xunta a que tamén se teñan en conta as distintas propostas que poidan achegar colectivos sociais da cidade. O texto saíu adiante cos votos a favor de socialistas e populares e a abstención dos nacionalistas.

A moción destaca que Álvaro Cunqueiro é un dos principais escritores do século XX e un dos persoeiros que máis contribuíu a mellorar e revitalizar a cidade de Vigo como centro de desenvolvemento cultural e social, de forma moi especial a través das súas colaboracións e, nos anos sesenta do pasado século, desde a dirección do xornal Faro de Vigo.