A Corporación insta á Xunta e Concello a executar o convenio para construír o túnel de Xulián Estévez

O BNG, PSOE e PP acordaron na mañá deste luns instar á Xunta e Concello de Vigo á execución inmediata dos compromisos adquiridos no convenio asinado entre ambas administracións para a construción do túnel de Xulián Estévez. Na mesma sesión plenaria, tamén se aprobou, neste caso cos votos do PP en contra, unha moción socialista esixindo á Consellería de Traballo a atender aos desempregados de Vigo e conceder plans para 2012.

luns, 30 xan 2012
A Corporación de Vigo votou por unanimidade na sesión plenaria desta mañá de luns solicitar á Xunta e Concello a execución inmediata dos compromisos adquiridos no convenio entre ambas administracións para a construción do túnel de Xulián Estévez. Nunha moción defendida polo grupo nacionalista, destácase que a posta en marcha desta infraestrutura suporá un novo eixo de comunicación entre o centro de Vigo e a Cidade do Mar, contribuíndo ao desenvolvemento dun centro dun centro de investigación liderado pola Universidade de Vigo no que traballarán máis de 3.500 científicos cando funcione a pleno rendemento.

Emprego
Na mesma sesión plenaria, deuse luz verde, cos votos en contra do PP, á unha moción presentada polo PSOE na que se insta á Consellería de Traballo e Benestar Social a que atenda aos desempregados de Vigo, como é a súa responsabilidade e competencia. Os votos de socialistas e nacionalistas permitiron esixirlle á administración autonómica a concesión dos programas que se solicitarán en 2012, atendendo no seu reparto ao número de habitantes e de desempregados de cada Concello. O texto defendido polos socialistas lembra que nos orzamentos da Xunta de Galicia de 2011 hai partidas que non se executaron na súa totalidade e no caso das Escolas Taller, as súas partidas sufriron unha redución do 61% con respecto do ano anterior, e do importe restante, non houbo convocatoria.