Escoitar

Xesus López avanza que Bad Religion actuará en Castrelos o 14 de agosto no peche do festival O Marisquiño

O concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, Xesus López, presentou este venres o concerto que pechará o festival O Marisquiño 2011. Trátase da actuación que ofrecerá o grupo americano Bad Religion o 14 de agosto no auditorio de Castrelos, que se enmarca na xira de 30 aniversario da banda e na que ademais de facer un repaso polo seu repertorio, presentarán o seu último traballo, The Dissent of Man.

luns, 2 mai 2011
1304340369BadReligion.JPG
"Ano a ano subimos un chanzo no grupo que vén ao Marisquiño", destacou o concelleiro nacionalista. Xesus López asegurou que O Marisquiño soubo colocarse como "unha das grandes atraccións e situar a Vigo nunha das grandes referencias" ao contar con grandes grupos nos últimos anos; así, lembrou que en 2008 estiveron Violadores del Verso, no 2009 Use for name, e no 2010 Public Enemy.

O concelleiro de Cultura explicou que Bad Religion é unha banda de punk e rock, nacida nos suburbios de Los Ángeles a principios dos 80. Con máis de 30 anos de exitosa carreira, e 17 discos editados, ten sido a banda de cabeceira de moitos mozos e mozas afeccionados ao surf, skate snowboard, e do rock en xeral. Ademais, durante anos influíron en bandas máis novas, como Green Day ou My chemical romance, que agora venden millóns de discos e que os citan como un dos seus grupos de referencia.

Destacou que seu álbum "Suffer" foi valorado por algúns críticos como o disco de punk rock máis relevante de todos os tempos, aínda que nunca acadou un posto na lista de popularidade Billboard. En 1993 a banda alcanzou un posto de carteleira co seu álbum "Recipe for Hate", mentres que o maior éxito chegoulles con "Stranger Than Fiction", o primeiro álbum co que conqueriron o disco de ouro en Estados Unidos, Mantiveron seu éxito con "New Maps of Hell", de 2007, e The Dissent of Man, de 2010.

Xesus López expresou seus parabéns á promotora Sweet Nocturna, polo traballo desenvolvido ao longo destes anos, así como a Carlos Domínguez "Pity", "mentor, corazón e alma de O Marisquiño" por conseguir situar a Vigo como referente das persoas que se moven arredor da cultura urbana. David Lago "Tibe", en representación da produtora, sinalou que levan "moitos anos detrás deste grupo para traelo a Galiza", polo que manifestou a súa satisfacción por que xa está confirmado e aparece na web do artista. Asegurou que será o concerto máis solicitado polo xente nova dos últimos anos.

Carlos Domínguez "Pity", pola sua banda, agradeceu á Concellería de Cultura o seu apoio, "porque para un evento de acceso gratuíto sería imposible traer un grupo destas características", asegurou. Ademais, avanzou que O Marisquiño volve medrar ao ocupar o dobre espazo que o ano pasado e que incluirá no programa unha nova modalidade "moi espectacular", da que só adiantou que os participantes será "top internacionais".
Descargar todas as imaxes