Escoitar

Unha brigada do Promil comeza a construcción das beirarrúas da avenida de Santa Mariña

xoves, 30 mai 2002
Unha brigada pertencente ó Programa Municipal de Integración Laboral (PROMIL) 2002 comezou esta semana as obras de construcción das beirarrúas e recollida de pluviais da avenida de Santa Marina (Cabral), no tramo desde avenida Ramón Nieto ata a rúa Sardomela, de acordo cunha petición feita pola Asociación de veciños e polo colexio público Sello para facilitar o acceso dos nenos e nenas ó devandito centro educativo.

Na actualidade o PROMIL conta con corenta peóns e catorce oficiais, que comezaron a súa contratación este mes de maio e remataron recentemente a súa fase de formación.

Tamén esta mesma semana os traballadores do PROMIL comezaron a traballar, entre outras, na construcción dunha beirarrúa na rúa de acceso do Hospital do Meixoeiro á Residencia Asistida da 3ª idade, cunha lonxitude de 200 metros, e na construcción dun pequeno xardín con bambáns ó carón do Mercado de Cabral.

O PROMIL, posto en marcha pola Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, é unha das actuacións máis importantes do Plan Municipal de Emprego, tanto pola súa filosofía como por ser pioneira na Comunidade Autónoma Galega. Esta actuación de fomento do emprego supón a contratación de desempregados de longa duración durante doce meses para realizar obras de mellora no entorno urbano e rural do municipio de Vigo. Os beneficiarios deste programa selecciónanse de acordo co criterio de necesidade social, determinado este pola renda familiar.