Escoitar

Clausúrase o obradoiro de normalización lingüística ”Ciclo da auga doce”

mércores, 29 mai 2002
imx1475.jpg
Regato
Os asistentes ao obradoiro de normalización lingüística ”Ciclo da auga doce”, celebrado no Centro Cultural Artístico e Recreativo Rueiro, reciben hoxe os seus diplomas acreditativos nun acto que preside a concelleira Carmen Corbalán.

O curso tivo unha duración de 20 horas e desenvolveuse do 27 de marzo ao 29 de maio. Ademais de ofrecer actividades didácticas sobre aspectos relacionados coa auga tales como flora, fauna, toponimia e etnografía, organizáronse dúas saídas para coñecer os muíños de Beade.

O curso, ao que asistiron 20 persoas, realizouse en colaboración coas asociacións Cristo da Victoria de Coia, Mulleres Dorna e Rueiro. As actividades céntraronse na realidade viguesa para que os alumnos sintan o achegamento e aplicación de coñecementos no seu contorno máis próximo. Máis que estudiar gramática, preténdese chamar a atención sobre aqueles aspectos da lingua vinculados á cultura propia.

O relevo, as vidas vexetal e animal, o aproveitamento no mundo tradicional, o fogar, a saúde e o lecer son os contidos, relacionados coa auga doce, que se lles explicaron aos alumnos participantes.

Lugares de Vigo como Ameixeira (Alcabre), Amieiro (Candeán), Vimbieiros (Matamá), Canido e Os Liñares(Oia) ou Freixeiro son algúns dos topónimos relacionados con vexetación próxima a zonas acuíferas. Aves, mamíferos, anfibios, réptiles e insectos dos bosques vigueses son tamén obxecto de estudio deste curso, igual que contos, lendas e labores agrícolas relacionados coa auga. Aguadores, lavandeiras, poceiros, mineiros e bombeiros aparecen no apartado de estudio dedicado aos oficios.
Descargar todas as imaxes