Escoitar

O Concello denuncia a un grupo de motoristas por practicar trial no cauce do Lagares

mércores, 29 mai 2002
O Concello vai presentar unha denuncia por delicto ambiental contra un grupo de persoas que practicaba motociclismo no cauce do río Lagares. A Policía local localizounas cando circulaban polo leito do río na parroquia de Sárdoma. Segundo consta no informe policial, “facían derrapar as motos provocando movemento de terra no cauce, utilizaban as beiras como ramplas de subida e baixada estragando a vexetación e ademis espantaban á fauna do río”.

Os axentes da Policía local conseguiron identificar catro motoristas, tres deles con domicilio en Vigo e outro veciño de Mos. Todos eles conducían motos de trial. A policía informounos no momento da identificación de que serían denunciados polos danos causados no contorno natural do río.

Precisamente, a zona na que foron localizados os motoristas é unha das áreas do río recentemente rexeneradas, nas que se acaba de construír un paseo de ribeira e plantar árbores e outras especies vexetais. Os traballos de recuperación do Lagares propiciaron que nos últimos meses aumentara o número de aves acuáticas establecidas no cauce. Prácticas coma esta non só prexudican gravemente a fauna senón que tamén botan por terra o traballo de rexeneración do río.