Escoitar

Presentado o edificio de servicios sociocomunitarios de Teis

xoves, 30 mai 2002
A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, e o concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, presentaron o edificio de servicios sociocomunitarios do Centro Cívico Social de Teis. O proxecto consta da rehabilitación dun edificio de servicios, construcción dun auditorio e dunha pista polideportiva cuberta.

O centro ubícase onda o Camiño de Maceiras e o Camiño de Cancelo, máis coñecido como a antiga “Finca de Cobas”, que foi cedida ó Concello por medio dunha permuta cun centro comercial. Con esta medida, preténdese crear unha nova instalación municipal que acolla distintos servicios integrados de carácter cultural, recreativo, deportivo, administrativo e social: complementarios doutros existentes no barrio, de xeito que permita a convivencia e a interacción de persoas e asociacións e residentes prioritariamente no barrio.

Co remate desta primeira fase e a rehabilitación desta antiga vivenda, dótase ó barrio dunha instalación municipal que preste distintos servicios desconcentrados de carácter informativo, cultural, lúdico-recreativo, administrativo e formativo: Centro de Atención Municipal (CAM), sala relacional, aulas de formación, taller de cociña, biblioteca-sala de estudios, aula informática-ciberteca (aula de novas tecnoloxías, acceso a internet).

INVESTIMENTO:

*Obras de rehabilitación: 201.338 Euros.
*Mobiliario: 32.695 Euros.
*Aula Informática: 10.474 Euros.
*Informatización Oficina Administrativa e Centro de Atención Municipal: 8.114 Euros.

Nunha segunda fase xa en marcha, prevese a construcción dun auditorio e o peche parcial do recinto do centro. Deste xeito, os veciños de Teis poderán disfrutar dun auditorio-teatro, cunha superficie construída de 920 m2 que contemplará un espacio o suficientemente versátil para distintos usos (conferencias, concursos de baile, etc), e que contará cun aforo de 300 persoas, que ademais acolle unha sala de exposicións e de encontros.

Por último, o centro cívico completarase con cargo ós exercicios dos anos 2002 e 2003 coa dotación dunha pista exterior polideportiva cuberta, ademais da urbanización e axardinamento da parcela. O que se pretende deste xeito é á posta á disposición dos usuarios dunha pista deportiva ó aire libre para a práctica de deporte en pista (balonmán, baloncesto, tenis, fútbol sala...), e en previsión dun uso máis intensivo, prevese a cuberta da pista.

Asemade, a construcción incluirá unha zona de xogos para nenos e unha zona de barbacoas para futuras celebracións ó aire libre, servicios e vestiarios.