Escoitar

O festival Sinsal 2011 inaugúrase o vindeiro sábado coa presentación do último disco da arpista Johanna Newson

A nova edición do festival Sinsal comezará o vindeiro sábado 22 de xaneiro co concerto que ofrecerá a arpista e pianista Johanna Newson no teatro do Centro Cultural de Novacaixagalicia ás 21 horas. Segundo informa a Concellería de Cultura e Animación Sociocultural, as entradas oscilan entre os 18 e os 28 euros e pódense mercar a través da web www.servinova.com

mércores, 19 xan 2011
A artista Joanna Newsom está considerada case unanimemente unha das propostas máis interesantes do século XXI. É unha illa entre o virtuosismo académico e a música popular, unha arpista e pianista superdotada que navega entre o folk americano e a música medieval europea, e a única artista capaz de poñer dacordo á prensa especializada de medio mundo cos medios xeneralistas.

Na actual xira preséntase coa banda ao completo, percusións, trombón, guitarra, banjo, violín e, por suposto, piano e arpa para presentar seu último traballo discográfico, "Have one on me". Con só tres álbumes publicados, poucos músicos son quen de entrar con tanta forza na historia da música. Trátase de tres obras mestras de fonda beleza que mostran unha evolución que a alonxa cada día máis de etiquetas, abrindo un camiño propio nunca antes transitado, onde reside parte do seu éxito e aceptación por públicos tan distantes.