Escoitar

O tenente de alcalde di que as barreiras para as persoas con discapacidade "creámolas nós" e pide traballar para eliminalas

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, entregaron este venres os premios da primeira edición do concurso "Eu tamén podo", celebrado con motivo da conmemoración hoxe do Día Internacional da Discapacidade. Tras a lectura do manifesto por parte de dous representantes de colectivos de persoas con discapacidade, o nacionalista destacou que "non hai barreiras, as barreiras creámolas nós", tras ollar as obras de arte presentadas.

venres, 3 dec 2010
1291394253accesibilidade.JPG
Santi Domínguez asegurou que as barreiras créanse cando as administracións non se implican o suficiente coa integración, "como nos queremos", asegurou. Tamén se crean "cando as persoas con discapacidade son incapaces de lograr o que se propoñen", ou "cando pechamos os corazóns á solidariedade". O tenente de alcalde manifestou que "ogallá todos os días do ano levemos a mensaxe de que as barreiras facémolas nós e que traballemos para que desaparezan e que nesta sociedade paga a pena traballar para acadar a igualdade de oportunidades".

Os once traballos premiados foron elixidos por un xurado integrado polo debuxante de Os Bolechas, Pepe Carreiro, presente no acto; o director da editorial Xerais, encargado do eido literario, Manuel Bragado; a pintora Puri del Palacio; e Xosé Luis Suárez Suárez Canal, no aspecto fotográfico. Na modalidade de pintura, na categoría de adultos, o primeiro premio foi para Sergio Viúdez e o segundo para Adriano Rodríguez. Na categoría de entidades, a elixida foi o colexio Saladino Cortizo. Na modalidade de debuxo, gañou o primeiro premio Francisco Vidal, e o segundo Valentín Gutiérrez; mentres que na categoría resultou seleccionada a Fundación Menela. Na modalidade de creación literaria, o xurado elixiu como primerio premio de adultos a obra de Pilar Álvarez e a de Carmen Fernández como segundo; o premio para entidades quedou deserto. Finalmente, na modalidade de fotografía o primeiro premio da categoría de adultos foi para Adrián Saavedra, o segundo para Artur Fariñas e no de entidades resultou elixida Aspanaex. As obras galardoadas estarán expostas no Auditorio Municipal dende hoxe e ata o 20 de decembro. Ademais, haberá xornadas de portas abertas ao longo deste mes, con cita previa, nos centros de Hoy por Mañana, Apamp, Down e Aspanaex.

Respecto ao premio Accesibilidade, elixido polo Consello Municipal de Accesibilidade, María Méndez anunciou que recaeu no servizo de eurotaxi, "polo apoio ás persoas con discapacidade"; pola súa banda, sobre o premio Atranco a concelleira de Benestar Social destacou que se adica ás persoas sen discapacidade que ocupan as prazas destinadas ás persoas con discapacidade. "Agardamos que o ano que vén só haxa que entregar o premio Accesibilidade", subliñou tras rachar co diploma acreditativo do premio Atranco.

As persoas encargadas de ler o manifesto conmemorativo do Día Internacional da Discapacidade foron unha representante da ONCE e outra do colectivo de persoas con problemas auditivos. Reclamaron a garantía do acceso normalizado do alumnado con discapacidade aos recursos educativos; a atención preventiva e compensadora cunha maior coordinación entre as diferentes institucións e dispositivos, ademais do fomento da escolarización dende a educación infantil. Salientaron que a detección precoz das discapacidades permitirá iniciar canto antes unha atención integral do alumnado para acadar "unha auténtica educación inclusiva". Tamén solicitaron que o plan de bolsas estea ao alcance de todos os estudantes con discapacidade, o fomento das linguas de signos, e a promoción de saídas profesionais tras a escolarización obrigatoria.
Descargar todas as imaxes