Escoitar

O alcalde asegura que Vigo está preparada para ser sede da candidatura ibérica do Mundial 2018

Abel Caballero mantivo un encontro coa directiva do Real Club Celta de Vigo para transmitir unha mensaxe de unión e o bo posicionamento da cidade, "á altura de urbes coma Madrid, Barcelona, Bilbao ou Porto". Pola súa banda arlos Mouriño avanzou que unha vez coñecida a decisión da FIFA, e en caso de que a candidatura formada por España e Portugal resultara elixida, sucederíanse as reunións no Concello para asentar as bases.

xoves, 2 dec 2010
1291298197celta2.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este xoves que a cidade de Vigo está preparada para ser sede da candidatura ibérica, conformada por España e Portugal, para organizar o Mundial de 2018.

A candidatura conta con 18 sedes, 16 delas españolas e entre as que están Bilbao, Madrid, Barcelona ou Vigo e as dúas portuguesas de Lisboa e Porto. Caballero quixo lanzar a mensaxe de que Vigo "está aquí" aínda que tamén explicou que unha vez tomada a decisión "haberá que estudalo todo co tenente de alcalde, co Celta de Vigo..." Caballero insistiu en que nun día no que se toma unha decisión deste calado "Vigo está preparado".

Pola súa banda e tras unha reunión celebrada nesta mañá entre o alcalde e membros da directiva do club vigués o presidente do Celta, Carlos Mouriño, tamén enviou esa mensaxe de unión e da aposta de Vigo por ser sede do mundial. "Queremos a sede para Vigo e imos loitar todos xuntos por tela aquí", dixo o presidente. Mouriño reiterou que "estamos todos xuntos para facer unha defensa tremenda de Vigo".

Preguntados sobre as posibilidades dun novo estadio na cidade, tanto Mouriño coma o alcalde mostráronse cautos; neste senso o presidente do club celeste afirmou que en caso de que sexa esta a candidatura elixida celebraranse máis reunións no Concello "para fixar as bases de que tipo de campo é necesario -de acordo coas especificacións da Federación- e como se conseguirá o financiamento do mesmo", dixo.
Descargar todas as imaxes