Escoitar

María Méndez avanza que o concurso "Eu tamén podo" premia mañá a once traballos no Día Internacional da Discapacidade

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este xoves os actos que se desenvolverán mañá 3 de decembro con motivo do Día Internacional da Discapacidade. Anunciou que entre as actividades que se levarán a cabo para fomentar a sensibilización de toda a cidadanía no obxectivo de acadar a igualdade de oportunidades figura a entrega de premios, no Marco, aos once traballos elixidos da primeira edición do concurso "Eu tamén podo", a lectura dun manifesto a cargo de persoas con discapacidade e a entrega de premios Atranco e Accesibilidade.

xoves, 2 dec 2010
1291299091Accesibilidade.JPG
María Méndez destacou o esforzo que se fai dende a Concellería de Benestar Social para fomentar a igualdade de oportunidades de todas as persoas, incluídas as que teñen algún tipo de discapacidade. "Pero nós non podemos traballar se toda a cidadanía non está convencida realmente de que a igualdade de oportunidades é necesaria", asegurou.

Explicou que na primeira edición do concurso "Eu tamén podo" participaron persoas con distintos tipos de discapacidades e institucións que as atenden, nas modalidades de creación literaria, fotografía, pintura e debuxo. A entrega dos premios mañá correrá a cargo do tenente de alcalde e os integrantes do xurado, composto polo director da editorial Xerais, encargado do eido literario, Manuel Bragado; o debuxante de Os Bolechas, Pepe Carreiro; a pintora Puri del Palacio; e Xosé Luis Suárez Suárez Canal, no aspecto fotográfico. A todos eles a concelleira de Benestar Social agradeceulles a súa "colaboración inestimable, totalmente desinteresada". No tocante aos premios do concurso, María Méndez indicou que a contía total é de 2.000 euros, que se repartirán a 11 categorías.

Asemade destacou que se entregarán o Premio Accesibilidade e o Premio Atranco, por parte do Consello Municipal de Accesibilidade. Explicou que estes premios, que se concederán á persoa ou institución que máis fixeran pola accesibilidade ou que máis impedimentos puxeran a este respecto, se outorgaron durante varios anos e que nesta edición o Consello decidiu recuperalos. A concelleira nacionalista indicou que tamén se dará lectura ao manifesto do Día Internacional da Discapacidade, a cargo dunha persoa invidente, un persoa xorda, unha persoa con discapacidade psíquica e outra persoa con discapacidade física, e posteriormente a entrega de premios do concurso.

María Méndez sinalou que as actividades de sensibilización tamén inclúen unha xornada de portas abertas en diversas asociacións de atención ás persoas con discapacidade, entre as que figuran Hoy por Mañana e Down. Por outra banda, os 11 traballos premiados no concurso "Eu tamén podo" exporanse o día 20 de decembro na cristaleira do Auditorio Municipal.

A concelleira de Benestar Social reiterou a aposta das áreas que coordina a Tenencia de Alcaldía pola accesibilidade e a eliminación das barreiras arquitectónicas e lembrou que no 2009 investíronse máis de 2 millóns de euros e 190.000 euros neste 2010, que propiciaron a entrega do premio Cocemfe de accesibilidade. "A accesibilidade pouco a pouco será unha realidade para que o benestar chegue tamén ás persoas con discapacidade", afirmou. Preguntada polo número de persoas que hai en Vigo sinalou que non existe unha cifra exacta, pero que aproximadamente representan o 5% da poboación.
Descargar todas as imaxes