Escoitar

María Méndez convida a sumarse á xornada de sensibilización das ONGD que se celebrará mañá na Praza de Compostela

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este venres a xornada solidaria que se celebrará mañá na Praza de Compostela, en horario de 11 a 13.30 horas e 16.30 a 19 horas, que tamén inclúe un concerto gratruíto no Auditorio Municipal ás 21.30, a cargo de La Habitación Roja. A concelleira nacionalista destacou que esta iniciativa, na que colaboran diversas ONGD que traballan en Vigo, ten por obxectivo "sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de que se cumpran os obxectivos do Milenio".

venres, 19 nov 2010
1290175231ONGD.JPG
María Méndez salientou que afondar na sensibilización sobre as desigualdades entre o norte e o sur é un dos obxectivos prioritario da Concellería de Benestar Social e do Consello Municipal da Cooperación. Explicou que o Concello de Vigo destina 115.000 euros á cooperación internacional, cantidade que foi duplicada dende a chegada do BNG ao goberno local, dos que 45.000 euros son para fomentar a sensibilización. Asegurou que se hai "a mínima posibilidade" de incrementar esta partida nos seguintes orzamentos aumentarase.

"Mentres non nos mentalicemos de que nos países subdesenvolvidos hai xente que vive en condicións terroríficas e que nós nos aproveitamos desa situación, seguirá habendo desigualdades", asegurou a concelleira de Benestar Social. Explicou que para acadar a sensibilización dos máis novos e novas a Concellería desenvolve un programa nos centros escolares da cidade, na que participaron xa 13 centros educativos e outros 9 o farán nas vindeiras semanas.

O representante da ONG Entreculturas, Iván Mirón, incidiu na necesidade de sensibilizar á sociedade viguesa de cara á consecución dos obxectivos do Milenio, "para o que só quedan 5 anos", apuntou. Neste sentido defendeu que é a sociedade civil a que ten que esixir ás distintas administracións o seu compromiso, nomeadamente ás administracións locais "por ser as que están máis próximas á cidadanía". Precisamente agradeceu á Concellería de Benestar Social a súa "axuda e implicación nos últimos anos, porque a partida que achega cada vez é maior".

Respecto á xornada de mañá indicou que outro dos obxectivos é "dar a coñecer á sociedade viguesa as actuacións das ONG's de Vigo dun xeito festivo". Sinalou que as entradas para asistir ao concerto de La Habitación Roja poden recollerse na Concellería de Benestar Social e participando nos xogos que se celebrarán ao logo do día na Praza de Compostela.
Descargar todas as imaxes