Escoitar

"Landriña viaxa ao interior das paisaxes" é a proposta do Museo de Castrelos para o vindeiro domingo

O Museo Quiñones de León organiza unha nova proposta do programa "Domingos de museo", dirixido a un público infantil e familiar. Trátase do obradoiro "Landriña viaxa ao interior das paisaxes", que comezará ás 11.30 horas do domingo 5 de setembro, e no que a mascota do museo presentará un novo itinerario temático que inclúe xogos e actividades.

venres, 3 set 2010
O vindeiro domingo, Landriña guiará aos participantes no obradoiro por un percorrido polas súas paisaxes favoritas da colección do pazo. Contemplándoas, poderase observar como ademais de utilizar a liña e a cor, os e as artistas utilizan a luz e as sombras para crear ambientes e sensacións en función do que queren suxerir. Coa axuda da imaxinación, tamén se poderá viaxar ao interior das paisaxes e descubrir cores, olores, personaxes e animais cos que crear unha historia.

"Landriña viaxa ao interior das paisaxes" completarase cun xogo que ten como base os cadros seleccionados co que se porá a proba a observación dos participantes. No obradoiro poden participar ata un máximo de 15 nenos e nenas cun máximo de dous acompañantes.

Tamén é posible participar nas visitas quiadas polo Museo da Cidade, que se desenvolven os domingos ás 12.30 horas. Ademais de coñecer a historia do Pazo Quiñones de León e algunha das súas curiosidades, o percorrido inclúe unha visita ás torres, dende as que se goza dunha privilexiada visión do contorno.

Durante estes mes de setembro, os percorridos guiados ao xacemento da Villa Romana de Toralla poden realizarse de martes a domingo de 12 a 20 horas. As visitas ao xacemento de O Castro, pola súa banda, son de martes a domingo de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas.