Escoitar

O alcalde trasladou "todas as garantias" ao Goberno de España para a instalación da factoría de baterías para o coche eléctrico

Abel Caballero explicou este xoves que trasladou a pasada semana ao Goberno de España "todas as garantías" de que Vigo conta no Porto Seco de terreos para a instalación dunha factoría de Mitsubishi de baterías eléctricas para automóbiles. O presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, viaxou a Xapón para tratar de confirmar esta ubicación, o que Caballero recoñeceu por "fixar a súa atención en Vigo e facer de embaixador" da cidade.

xoves, 2 set 2010
1283431674IMG_0170.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ofreceu a pasada semana á Moncloa "todas as garantías" de que a cidade olívica conta con terreos para a eventual instalación dunha factoría de baterías para vehículos eléctricos, opción que baralla Mitsubishi para o Porto Seco de Salvaterra-As Neves.

O pasado xoves, o alcalde foi consultado por Moncloa e polo Ministerio de Industria para asegurar á empresa nipona o solo en Vigo para a fábrica, planteamento que José Luis Rodríguez Zapatero levou hoxe na súa axenda na viaxe ao Xapón. Previo contacto coa Zona Franca, Abel Caballero ofreceu ao Goberno de España a dispoñibilidade de terreos para Mitsibushi.

O rexedor vigués recoñeceu ao Presidente do Goberno que "fixara a súa atención en Vigo e fixera de embaixador da cidade" no Xapón, e resaltou que o Goberno de España "está a facer o que lle demandábamos" desde Vigo.

A decisión definitiva por parte da empresa "está en proceso de peche", e mentres se concreta esta opción Abel Caballero agradeceu ao Goberno de España e a PSA Peugeot Citroën que trasladaran ante o goberno xaponés e Mitsubishi, respectivamente, a "capacidade" da urbe no tocante ao vehículo eléctrico.

Abel Caballero sinalou ademais que o goberno local está a pedir axudas á Unión Europea para adquirir unha flota de vehículos eléctricos para o Concello, ao tempo que vai "moi adiantado" o proceso de redacción das novas ordenanzas municipais que regulen o seu uso en Vigo.
Descargar todas as imaxes