Escoitar

O cartaz da campaña do Día Internacional contra a Violencia de Xénero elixirase este ano a través dun concurso

A concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, anunciou este xoves que o prazo para participar no concurso de cartaces para empregar na campaña do Día Internacional contra a Violencia de Xénero do 25 de novembro será do 8 ao 28 de setembro. A concelleira do BNG salientou que esta convocatoriada, organizada en colaboración co Consello Municipal da Muller, ten por obxectivo "a participación de toda a sociedade e a concienciación sobre a violencia de xénero".

xoves, 2 set 2010
1283431608Certame.JPG
Iolanda Veloso explicou que poden participar no concurso as persoas de máis de 16 anos, de xeito que terán cabida as creacións da xente máis nova da cidade, e que as obras presentadas (unha por participante), deberán ser orixinais e inéditas. Sinalou que debenfacer referencia á Concellería de Igualdade e ao Día Internacional contra a violencia de xénero e contemplar o lema elixido para a convocatoria deste ano "Non o ignores, non o xustifiques, non o escondas".

"A partir das diferentes propostas comezamos a elaborar o programa de actividades que se desenvolverá arredor do 25 de novembro, entre as que figura este concurso", apuntou a concelleira de Igualdade na presentación, na que tamén participaron Rosa Fontaíña, representante da Rede contra os malos tratos, e Luisa Ocampo, de Mulleres Nacionalistas Galegas. Ioanda Veloso destacou que a persoa gañadora recibirá un premio que inclúe un lote de libros e obxectos artísticos valorados en 600 euros.

A edil nacionalista destacou que o lema da convocatoria se dirixe a toda a sociedade "para que tome conciencia real" sobre o problema da violencia de xénero. Así, lembrou o asasinato que se produciu a pasada semana en Lugo e ao respecto dixo que o asasinato é "a máxima expresión da violencia machista". Indicou que no seu tratamento informativo se manteñen determinados estereotipos da discriminación das mulleres, por exemplo nos argumentos que se ofrecen para explicar a súa causa, entre os que figuran os ciumes. Tamén criticou o emprego de "testemuñas irrelevantes" que ao seu xuízo reflicten actitudes "que manteñen as situacións de violencia de xénero".

En resposta aos medios sobre os últimos datos de violencia de xénero, a concelleira de Igualdade constatou a diminución das denuncias efectuadas, segundo confirma a Unidade de Violencia da Subdelegación do Goberno. Porén, apuntou que é preciso analizar as denuncias do mes de agosto, así como o caso dos asasinatos nos que non hai denuncia previa. Ao respecto, Rosa Fontaíña apuntou que a crise actual pode provocar que as mulleres que sofren esta situación non decidan separarse e indicou que a porcentaxe de mulleres vítimas dos malos tratos que denuncian se sitúa entre o 10 e o 12%.

Iolanda Veloso lembrou, por outra banda, que en Vigo as mulleres vítimas dos malos tratos poden acudir ao Centro de Información da Muller e dispoñer dos recursos de acollemento e a rede municipal de vivenda. "Este é un dos problemas máis graves aos que se enfrontan as mulleres que deciden abandonar o seu domicilio con fillos ao seu cargo", asegurou.
Descargar todas as imaxes