Escoitar

Caballero cifra en 2,2 millóns de euros os investimentos realizados polo Concello en Cabral

O alcalde de Vigo visitou hoxe venres a reformada rúa Mestre Alfredo González, en Cabral, mellora que forma parte do plan municipal que destina oito millóns de euros a reformas nas parroquias de Vigo. Os 2,2 millóns investidos "amosan o noso interese e vontade" con Cabral, indicou Caballero, quen detallou actuacións municipais na zona en rúas, parques infantís, pistas deportivas e zonas axardinadas.

venres, 11 xuñ 2010
1276259583cabral.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou este venres en 2,2 millóns de euros os investimentos realizados polo Concello neste mandato na parroquia de Cabral.

Nunha visita á reformada rúa Mestre Alfredo González, na que o departamento de Servizos Xerais que dirixe a socialista Isaura Abelairas investiu 110.000 euros, Abel Caballero detallou o "conxunto de actuacións que estamos a facer en Cabral", que é "mostra do noso interese e vontade" coa parroquia viguesa. Alfredo González forma parte do plan municipal de melloras no rural, dotado con oito millóns de euros.

Xunto á devandita rúa, o Concello está a executar tamén a humanización de Santa Mariña, sumando un investimento próximo aos 700.000 euros; efectuáronse melloras por valor de 350.000 euros no alumeado, case medio millón de euros máis para asfaltados, novas beirarrúas e fontes, instaláronse 35 bancos e remodeláronse sete parques infantís cun custo de 62.000 euros máis. Ademais, o Concello arranxou pistas deportivas e zonas axardinadas de Cabral.

Abel Caballero recordou que "estamos a atender absolutamente todas as parroquias de Vigo" neste mandato e "imos seguir neste ámbito de actuación". O alcalde anunciou tamén que o Concello atenderá as solicitudes da veciñanza de Cabral e levará adiante melloras no colexio, cona instalación de xogos infantís, entre outas actuacións.
Descargar todas as imaxes