luns, 7 xuñ 2010
A Xunta de Goberno Local validou este luns o "último trámite administrativo" das humanizacións de trece rúas da cidade -Pi y Margall, López Mora e Pizarro entre elas- e das escolas infantís de Tomás Alonso e Casiano Martínez, cun investimento total de 15,2 millóns de euros. A aprobación dos plans de seguridade e saúde permitirán o inicio dos traballos o 15 de xuño.
luns, 7 xuñ 2010
O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este luns que Vigo será sede o ano que vén do congreso internacional de touroperadores MITM Euromed. O nacionalista explicou que este é un paso máis do Vigo Convention Bureau no seu obxectivo de desestacionalizar o turismo na cidade. O congreso reunirá a 250 touroperadores e prensa internacional especializada do 26 ao 29 de abril e terá un retorno económico aproximado de medio millón de euros.
luns, 7 xuñ 2010
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Celestino García Braña, asinaron este luns un convenio para rexistrar en Urbanismo vía Internet a documentación para a solicitude de licenzas. "Xa non circulará un só papel" dos arquitectos en Galicia no Concello vigués, co que a Xerencia "terá un tratamento moito máis rápido" axilizando así a concesión de licenzas.
luns, 7 xuñ 2010
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, fixo balance este luns da posta en marcha no mes de marzo do primeiro plan divulgativo dos museos da cidade. Destacou que este proxecto propiciou un "incremento moi importante" das visitas ao Museo de Castrelos, ao pasar dos 364 visitantes en xaneiro aos 1.640 no mes de maio, o que supón un aumento do 77,8%.
luns, 7 xuñ 2010
O departamento que dirixe Chus Lago da comezo este luns ás actividades enmarcadas no Plan Saúde para este verán. Todos os interesados poderán participar de xeito gratuito deste programa que se impartirá no espazo reservado xunto á praia de Argazada, practicando Tai Chi os luns, mércores e venres, e Pilates os martes e xoves. As sesións impartiranse de 20 a 21 horas durante os meses de xuño, xullo e agosto.
luns, 7 xuñ 2010
Abel Caballero e Pierre Ianni participaron o pasado sábado en "O centro de Vigo en bicicleta", unha iniciativa de PSA aberta a toda a cidadanía para conmemorar o Día Mundial do Medioambiente. Na xornada os participantes puideron realizar un circuito en bicicleta pola factoría de Vigo de Citroën e coñecer as accións desempeñadas pola empresa pola sostibilidade.