Escoitar

Xesus López anuncia que Serrat presentará en Castrelos o seu novo disco "Hijo de la luz y de la sombra" o 22 de xullo

O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este venres que Joan Manuel Serrat actuará no auditorio de Castrelos, o vindeiro 22 de xullo ás 23 horas, no marco da programación das Festas de Vigo 2010. O concelleiro nacionalista destacou que no seu concerto, o artista catalán presentará o seu último traballo "Hijo de la luz y de la sombra", no que pon música a poemas de Miguel Hernández no centenario do seu nacemento.

venres, 4 xuñ 2010
1275656547Serrat.JPG
Xesus López destacou que aos catro concertos presentados das Festas de Vigo 2010, que son os de Norah Jones o 14 de xullo; Patti Smith o 18 de xullo; Public Enemy o 5 de agosto, e David Bisbal o 7 de agosto, "engadimos hoxe un grandísimo concerto". Adiantou que os prezos serán "módicos e asequibles", 10 euros na venda anticipada e 12 euros o mesmo día da actuación.

O concelleiro de Cultura explicou que o novo disco de Serrat está integrado por trece novos temas de Miguel Hernández, que complementan o anterior LP adicado ao poeta de Orihuela, publicado en 1972. "Este novo disco fai xustiza non só ao poeta, senón tamén á figura humana que se posicionou ao lado da democracia e da legalidade vixente e que por iso foi detido e morreu esquecido en prisión en 1942", salientou.

Segundo o nacionalista, o traballo de Serrat pon de manifesto que a poesía de Hernández caracterízase pola súa contemporaneidade, máis alá do tempo e do lugar no que foi escrita". Sinalou que "Hijo de la luz y de la sombra" arranca cun tema cheo de forza, "Uno de aquellos", adicado á brigada Lincoln, e remata coa canción que da título ao disco, que Miguel Hernández adicou a un dos seus fillos, que morreu ao pouco de nacer.

Sobre o concerto o responsable da produtora Demonio Producións, Antonio Barreiro, explicou que o espectáculo estará apoiado con pantallas nas que se proxectarán audiovisuais relacionados cos temas, e realizados por prestixiosos directores de cine. Ademais, indicou que Serrat estará acompañado por seis músicos, baixo a dirección ao piano do maestro Ricard Miralles.

Respecto ás características técnicas, Antonio Barreiro engadiu que o sistema de son alcanzará os 100.000 watios de potencia, mentres que o equipo de luz será de 200.000 watios.

En resposta aos medios sobre se este é o último concerto pechado das Festas de Vigo 2010, Xesus López adiantou que a Concellería de Cultura está traballando na programacion de verán para pechar outro "gran concerto en Castrelos". Por outra banda, avanzou que ademais de concertos, o auditorio de Castrelos abrirase tamén a outras actividades artísticas.
Descargar todas as imaxes