Escoitar

Patrimonio Histórico e Cultura convocan un certame de pintura que orixinará unha exposición do 3 ao 5 de setembro

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, e de Cultura, Xesus López, presentaron este venres un certame de pintura que ten por obxectivo dar a coñecer os novos valores tanto de Vigo como de fóra da cidade. Os nacionalistas explicaron que para participar é preciso facer a inscrición ata o 13 de agosto, a listaxe definitiva farase pública o 27 de agosto, e do 3 ao 5 de setembro terá lugar unha exposición coas obras seleccionadas.

venres, 4 xuñ 2010
1275656520Pintura.JPG
Eudosio Álvarez explicou que poderán participar no certame as persoas de entre 16 e 35 anos, con obras de dimensións superiores á 90 X 90 centímetros e inferiores aos 165 x 165 centímetros. Sinalou que poderá empregarse calquera tipo de material agás o vidro e calquera técnica pictórica e temática libre. Respecto aos premios avanzou que haberá un primeiro premio dotado con 6.000 euros, e diversos áccesits, que decidirá o xurado, presidido por Antonio Quesada Porto.

Respecto ás obras que integrarán a exposición, e en reposta aos medios, sinalou que se o número é alto será preciso facer unha selección. "Se o número baixa das 50 ou 60, non vexo que haxa problemas para expoñelas todas", apuntou.

O concelleiro de Patrimonio Histórico sinalou que este certame recolle as lembranzas dos anos 70 que recordaban as actividades relacionadas co mundo da pintura e que se facían "con medios cativos e por activistas resistentes nun mundo difícil". Asegurou que destes eventos saíron "grandes pintores que traballaron arreo por recuperar e darlle sentido á pintura en Galiza", como os integrantes do grupo Atlántida.

"Seguimos apostando pola participación da cidadanía na actividade plástica", dixo Eudosio Álvarez. Ao respecto, avanzou a convocatoria dunha acción pictórica que terá lugar no Paseo de Alfonso para confeccionar un cadro sobre a visión da Ría de Vigo. "Queremos seguir promovendo o mundo da plástica nun contorno que é dos máis interesantes", afirmou.

Xesus López destacou que as concellerías de Cultura e de Patrimonio Histórico "están moi relacionadas no seu campo de traballo", polo que considerou que é fundamental que vaian "da man" nas súas actividades. Nesta liña afirmou que hai catro obxectivos nos que coinciden, como son democratizar a cultura, facilitando o seu acceso a toda a cidadanía; lograr que Vigo sexa un lugar de recepción de grandes eventos; promover o coñecemento da riqueza patrimonial e cultural para facer de Vigo un punto de chegada; e establecer plataformas para que os vigueses e viguesas sexan elementos activos da actividade artística.

O concelleiro de Cultura sinalou que o certame se fará na Praza da Princesa, como parte do obxectivo das áreas da Tenencia de Alcaldía de "potenciar o Casco Vello co obxectivo de que sexa un punto da actividade cultural da cidade". Asemade, felicitou ao concelleiro de Patrimonio Histórico "polo fenomenal traballo que está a desenvolver dende que chegou ao Concello".
Descargar todas as imaxes