Escoitar

Santi Domínguez anuncia que Vigo será sede en 2011 do congreso internacional máis importante de touroperadores

O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, anunciou este luns que Vigo será sede o ano que vén do congreso internacional de touroperadores MITM Euromed. O nacionalista explicou que este é un paso máis do Vigo Convention Bureau no seu obxectivo de desestacionalizar o turismo na cidade. O congreso reunirá a 250 touroperadores e prensa internacional especializada do 26 ao 29 de abril e terá un retorno económico aproximado de medio millón de euros.

luns, 7 xuñ 2010
1275913961Congreso.JPG
Na presentación deste evento, na que tamén participou o director xerente de Vigo Convention Bureau, Santi Domínguez subliñou que se trata do congreso máis importante de ámbito internacional no eido turístico, xa que nel se darán cita máis de cen axencias de viaxe e touroperadores de todo o mundo.

"O traballo do Vigo Convention Bureau sigue dando os seus froitos, aínda que algúns digan que é un chiringuito que non sirve para nada", comentou o tenente de alcalde respecto ás críticas que expresaron a semana pasada os concelleiros do PP sobre á xestión do turismo na cidade. "Benvido sexa este chiringuito se serve para traer retorno económico para Vigo", concluíu Santi Domínguez.

O nacionalista explicou que a celebración o vindeiro ano do MITM Euromed na cidade é froito da presenza do Vigo Convention Bureau na feira IMEX de Frankfurt, unha das tres máis importantes do mundo para meetings e viaxes de incentivo. Para o tenente de alcalde, conseguir traer a Vigo este congreso supón un "éxito dobre", por unha banda polo feito de que cidade acolla un novo evento que traerá retorno económico ao sector, e en segundo lugar porque é específico e especializado en turismo. "Vai ser un gran escaparate para a promición de Vigo, xa que teremos aquí ás principais axencias de viaxes e touroperadores", afirmou.

O tenente de alcalde lembrou que este evento súmase ao XII Congreso Internacional de Medicina Xeral e de Familia e da XVIII edición do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que terán lugar no Ifevi Ido 18 ao 21 de maio de 2011, que suporá un total de 2.400.000 euros de retorno económico, cun gasto aproximado por día de 200 euros.

Santi Domínguez explicou que ao longo dos catro días que dure o congreso, "Vigo poderá amosar o que é aos touroperadores, prensa especializada e axencias de viaxe de todo o mundo". Serán arredor de 250 participantes os que vivirán "a realidade propia da nosa cidade". Ademais, sinalou que entre 10 e 15 horas ao día se realizarán "reunións bis a bis" entre os hoteis de Vigo e os compradores de packs turísticos de todo o mundo.

O tenente de alcalde avanzou tamén que no mes de outubro está prevista unha visita técnica á cidade da organización do congreso, á que se lle amosarán os diferentes recintos nos que se poderá celebrar o evento. Como mostra da importancia deste congreso internacional, Santi Domínguez mencionou as últimas cidades nas que se celebrou, Sevilla, Lisboa, Praga e Colonia, "todas elas de marcado carácter turístico", apuntou. Asemade, indicou que para acoller a cita de 2011 Vigo competía con Helsinki.

Santi Domínguez fixo referencia a outros logros conseguidos tras a presenza do Vigo Convention Bureau na IMEX de Frankfurt. Destacou que dous touroperadores de Londres e Florencia, ambas de relevancia internacional, incorporaron Vigo como cidade de incentivos. Ao respecto explicou que están iniciando as negociacións con elementos turísticos e gastronómicos da ría para incluilos na oferta.

"O traballo do Vigo Convention Bureau continúa e seguimos traballando noutros frontes. Non podemos descansar porque queremos traer moitas cousas á cidade", afirmou o tenente de alcalde. Neste sentido, apuntou que Vigo estará presente no Foro MICE 2010, dirixido a profesionais asociados ao Spain Convention Bureau. Precisamente o Vigo Convention Bureau fará a súa incorporación definitiva ao Spain Convention como número 50 da entidade o 18 de xuño, na súa asemblea anual, que nesta ocasión se celebrará en Zaragoza. Posteriormente, o Convention Bureau participará na BTC Internacional, feira internacional de organización de congresos de Rímini, os días 1 e 2 de xullo.

Finalmente, o tenente de alcalde felicitou ao director xerente do Vigo Convention Bureau e ao seu equipo, "polo bo traballo que está a desenvolver", xa que nos seus primeiros meses de funcionamento, esta entidade pechou dous congresos para celebrar na cidade e conseguiu que Vigo estivera presente en dous turoperadores de relevancia internacional.
Descargar todas as imaxes