Escoitar

As visitas ao Museo de Castrelos subiron un 77,8% dende xaneiro coa posta en marcha do primeiro plan divulgativo

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, fixo balance este luns da posta en marcha no mes de marzo do primeiro plan divulgativo dos museos da cidade. Destacou que este proxecto propiciou un "incremento moi importante" das visitas ao Museo de Castrelos, ao pasar dos 364 visitantes en xaneiro aos 1.640 no mes de maio, o que supón un aumento do 77,8%.

luns, 7 xuñ 2010
1275913999Balance.JPG
Eudosio Álvarez calificou de "espectacular" a aceptación por parte da cidadanía das diversas actividades propostas, tanto no Museo de Castrelos como nas restantes instalacións como os xacementos de Toralla ou O Castro. Ao seu xuízo, tense manifestado un notable incremento dos visitantes estranxeiros, que até agora non tiñan Castrelos como punto de referencia fundamental, así como a participación das familias nos programas de actividades dos fins de semana. "Só no último mes realizáronse 27 actividades, cunha participación de case 500 persoas", destacou.

Respecto ás visitas ao Museo de Castrelos, indicou que o número total de visitantes ata o 31 de maio foi de 4.524 persoas, das que 364 corresponden ao mes de xaneiro, 417 a febreiro, 883 a marzo, 1.220 producíronse no mes de abril, e 1.640 no mes de maio.

No tocante ás visitas ao xacemento de O Castro, afirmou que "baten todos os récords", ao acadar as 15.000 persoas en catro meses dende a súa apertura, dos que, segundo apuntou, aproximadamente 5.000 puideron participar nas visitas guiadas.

Respecto ás persoas que visitaron Toralla, o concelleiro de Patrimonio Histórico indicou que entre febreiro e maio foron arredor de 4.000 visitantes contabilizados. Ao respecto destacou que un dos obxectivos do seu departamento consiste precisamente en potenciar as visitas a este xacemento, xa que "ten moito potencial de cara ao verán", asegurou.

Eudosio Álvarez tamén fixo referencia ao número de visitantes da exposición sobre Álvarez, que estivo instalada na Casa das Artes. Apuntou que foron máis de 8.000 persoas, das que o 40% aproximadamente participaron nas visitas guiadas.

Ademais de potenciar as visitas ao xacemento de Toralla ao longo do verán, o concelleiro de Patrimonio Histórico avanzou que os xardíns e o pazo de Castrelos acollerán distintas actividades complementarias, como o campamento urbano que organizan as concellerías de Xuventude e Igualdade.

Outra actividade que anunciou Eudosio Álvarez son as visitas guiadas ao Casco Vello, que comezarán nas vindeiras semanas. Durante un traxecto de case tres horas, que partirá do xacemento de Toralla e rematará no Ensanche, poderase facer un completo percorrido pola historia da cidade.
Descargar todas as imaxes