Escoitar

"Landriña ensina os oficios" é a actividade programada no Museo de Castrelos para o vindeiro domingo

O Museo de Castrelos acollerá o vindeiro domingo 13 de xuño, o obradoiro "Landriña ensina os oficios", nunha nova edición do programa para familias "Domingos de museo". Co obxectivo de dar a coñecer o Museo da Cidade a todos os públicos, a actividade desenvolverase de 11:30 a 13:30 horas cun número máximo de 15 nenos ou nenas participantes, acompañados dun ou dous adultos.

venres, 11 xuñ 2010
Segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, esta iniciativa é de carácter gratuíto e está dirixida a nenos e nenas entre os 4 e os 12 anos, aínda que os familiares que acompañan aos rapaces e rapazas poden participar tamén na actividade ou ben deixalos ao coidado dos educadores e educadoras.

Landriña, a mascota do Museo da Cidade, é a encargada de presentar cada domingo un itinerario temático polo museo que inclúe xogos e actividades nas salas, seguido dun obradoiro de creación. Este domingo, Landriña propón unha divertida ruta polo museo na que a través da colección de pintura os participantes poderán descubrir os oficios e labores representados nos cadros.

A modo de guía, Landriña ten preparado un xogo de pistas, con imaxes e xogos de palabras, a partir dos cales descubriranse os cadros. Despois, os nenos e nenas participarán no xogo dos oficios, no que a través da mímica terán que representar para os seus compañeiros algúns dos traballos que aparecen nas obras da colección, e os demais deberan ser quen de adiviñalo.

Finalmente, desenvolverase un obradoiro a partir dunha das obras máis coloridas da colección, "As Lavandeiras", do pintor galego Maside, co que se observará a súa técnica da cor.

O público xeral tamén ten a posibilidade de realizar visitas guiadas ao Museo da Cidade "Quiñones de León", de xeito que ao pazo poden facerse os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 12 horas, mentres que as visitas guiadas ao xardín histórico son os martes, mércores, xoves, venres e domingo ás 13 horas. As visitas guiadas ao pazo e ao xardín histórico para grupos e asociacións poden realizarse, facendo reserva previamente, os martes, mércores, xoves e venres ás 12 horas. Ademais, as visitas guiadas á sala de arqueoloxía e a participación no obradoiro de arqueoloxía, destinado a todos os públicos, pódese facer no horario de apertura do Pazo, previa reserva.

Esta oferta complétase coas visitas guiadas ao Xacemento de O Castro en horaio, de maio a setembro, todos os días agás luns de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas, e de outubro a abril, todos os días agás luns de 10 a 14 horas e de 16 a 18 horas; así como as visitas guiadas ao Xacemento da Villa Romana de Toralla, en horario, de outubro a maio, os martes, venres, sábado e domingo de 12 a 18 horas e de xuño a setembro, de martes a domingo de 12 a 20 horas.

O museo tamén organiza un programa para escolares que leva a cabo visitas para grupos de infantil, primaria e secundaria os martes, mércores, xoves e venres de 10 a 12 horas. É preciso facer a reserva previamente nos teléfonos 986 295 070 e 986 239 372 ou no correo electrónico saves.museocastrelos@vigo.org.