Escoitar

María Méndez destaca que as actividades de prevención do PLDA chegaron a 9.896 persoas, cun aumento do 100%

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balance este xoves das actividades de prevención de drogodependencias que desenvolveu no último ano o Plan Local de Drogas e outras Adiccións. A edil do BNG salientou que 9.896 persoas participaron nestas iniciativas, levadas a cabo sobre todo nos centros escolares pero tamén nos eidos de xuventude, muller, cultura e deporte. A cifra supón un incremento de máis do 100% respecto aos participantes do ano anterior, cifrada en 5.102.

xoves, 10 xuñ 2010
1276173920Balance.JPG
"Ao chegar á Concellería de Benestar Social vimos necesario que o programa de prevención tiña que ser universal e chegar ao maior número posible de ámbitos, lugares e persoas posibles", explicou María Méndez. Para acadar este obxectivo, destacou que se desenvolve un traballo en rede, no que resulta fundamental a coordinación con outras entidades, que tamén forman parte do Plan Local de Drogas, como Madro, Érguete ou Alborada, entre outras. "Trátase dun esforzo conxunto que a sociedade debe asumir", asegurou.

María Méndez sinalou que o número global de accións que levou a cabo o Plan de Drogas no último ano ascendeu a 453, fronte ás 190 do ano anterior. Salientou que foron desenvolvidas con practicamente o mesmo orzamento, case 172.000 euros, aportados polo Concello de Vigo e pola Xunta de Galiza. "Fíxose o maior número de accións que se fixeron nunca, e este é o camiño que temos que seguir, pese a que aínda non temos noticias da Xunta para asinar o convenio", dixo ao respecto.

Segundo a concelleira de Benestar Social, o Goberno galego non está a valorar a importancia da prevención nun problema tan importante como o das drogodependencias. Neste sentido, fixo un "chamamento á sensatez e á sensibilidade da Xunta" para continuar o traballo feito en Vigo nos últimos 25 anos.

María Méndez comentou as actuacións que se desenvolven en diferentes ámbitos e resaltou especialmente as que se levaron a cabo no eido educativo, nas que participaron 138 colexios da cidade. Mencionou programas como "Cinensino", dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO; "Non pasa nada, pasa algo?", destinado a escolares entre 12 e 18 anos para promover a adopción de estilos de vida saudables; "Odisea", no que participan xóvenes entre 16 e 18 anos en situación de risco que estudan en centros de garantía social; e "Eu son eu", posto en marcha este ano e destinado a estudantes de 6º de Educación Primaria.

Tamén fixo referencia a programas nos que os pais e nais son os protagonistas. Entre eles falou de "Máis que un teito", no que participaron 785 pais e nais e que ten o obxectivo, entre outros, de mellorar as habilidades educativas, de xestión e de comunicación dos pais, nais ou titores. Tamén destacou "En familia todos contan", dirixido aos proxenitores de familias que se encontran en situación de risco en relación coas drogas.

A concelleira de Benestar Social destacou que nestes programas educativos e familiares participaron un total de 9.000 persoas, dos que 7.960 son alumnos e alumnas, 847 corresponden aos pais e nais e 193 ao profesorado. Engadiu que no traballo desenvolvido noutros ámbitos como xuventude, muller, deportes, autoescolas e a organización de seminarios informativo foi de vital importancia a coordinación con outras concellerías como Deportes, Cultura e Xuventude.
Descargar todas as imaxes