Escoitar
As salinas romanas de Vigo consolídanse como importante referencia arqueolóxica en Galicia<br /> Edítase material pedagóxico sobre o centro e dirixido a Educación Primaria e Secundaria

Salinae supera as 16.000 visitas en tan só un ano

Tras un ano dende a súa apertura, o Centro Arqueolóxico do Areal – Salinae, xestionado polo Museo do Mar de Galicia, supera xa as 16.000 visitas. Desta forma, as salinas romanas situadas na rúa Rosalía de Castro de Vigo consolídanse coma unha das referencias arqueolóxicas máis destacadas de toda a comunidade galega. Na actualidade, ademáis de Salinae, están cobrando especial importancia diferentes ubicacións da época romana na cidade como Toralla e o xacemento de O Castro, co que resulta moito máis doado achegarse a unha visión completa do mundo romano en Vigo.

venres, 26 feb 2010
1267189712osal.jpg
Nembargantes, entre todos os mencionados destaca o centro Salinae do Areal como a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano, o que a convirte nun dos maiores tesouros arqueolóxicos de Galicia.

Pouco tempo despois da súa inaguración, no mes de febreiro do ano pasado, a ampla demanda de visitas obrigou a modificar o sistema inicial de acceso, tendo que limitarse a entrada ata acadar un máximo de 25 persoas no interior, tanto en grupos como de xeito individual. A exposición, pola que na actualidade pasan máis de mil persoas ó mes, ofrece a posibilidade de descubrir o interesante mundo do sal, a súa historia, algúns dos sistemas empregados para a súa obtención e os diferentes usos que os romanos lle deron a este importante produto.


O Museo do Mar crea materiais educativos para os centros escolares

Durante este primeiro ano de actividade, Salinae, ademáis de por milleiros de turistas, foi visitado tamén por ducias de centros escolares, e por este motivo o Museo do Mar de Galicia ven de celebrar este aniversario coa creación de material pedagóxico complementario, dirixido específicamente a Educación Primaria e Secundaria.

Estas chamadas unidades didácticas de Salinae, que están adaptadas ós diferentes ciclos formativos, xa están a disposición dos centros educativos na páxina web do Museo do Mar (http://www.museodomar.com/gl/educa). Entre os seus contidos, encóntranse módulos temáticos sobre o valor do sal, a construción e funcionamento das salinas, as rutas comerciais que se utilizaban na época ou sobre a vida cotiá na cidade de Vigo no século I. Ademáis, ensínanse outros aspectos de carácter xeral do Imperio Romano coma o urbanismo da época, as súas vestimentas ou os seus ritos funerarios.

Para máis información, pódese contactar co Museo do Mar de Galicia, de luns a venres e en horario de 10.00 h. a 14.00 h., no teléfono 986 247 691 ou a través do correo electrónico gabinete.didactico@museodomar.com.
Descargar todas as imaxes