Escoitar

O MARCO abre ao público unha exposición de Candida Höfer con Kuehn Malvezzi

O 26 de febreiro inaugúrase na planta baixa do museo MARCO a exposición individual da fotógrafa alemá Candida Höfer, unha das máis importantes representantes da Escola de Düsseldorf, que mostrará unha selección dos seus traballos dos últimos corenta anos nunha montaxe realizada polo prestixioso estudio de arquitectura Kuehn Malvezzi.

venres, 26 feb 2010
1267183252candida.jpg
A exposición ‘PROJECTS: DONE’ inclúe obras de proxectos realizados por Candida Höfer entre 1968 e 2008. A fotógrafa, os arquitectos Kuehn Malvezzi —que deseñaron a montaxe en estreita colaboración coa artista— e os comisarios Markus Heinzelmann e Doreen Mende, fixeron da relación entre fotografía, arquitectura e presentación das obras o eixe central deste proxecto. O termo ‘Project’ enténdese aquí como unha forma de traballo que se desenvolve durante un período de tempo previamente establecido, e/ou que se completa —[‘Done’]— unha vez conseguido o obxectivo formulado. Así, as obras seleccionadas para esta mostra ofrecen este risco distintivo respecto a outros traballos que poderiamos definir como actividade artística habitual.
Descargar todas as imaxes