Escoitar

Máis de 1.500 persoas visitaron a exposición "Xoias da colección Álvarez" na súa primeira semana de apertura

Máis de 1.500 persoas se achegaron xa á Casa das Artes para visitar a mostra "Xoias da colección Álvarez: Esplendor cerámico de Vigo", dende a súa inauguración o pasado día 18, segundo os datos facilitados pola Concellería de Patrimonio Histórico. Segundo Eudosio Álvarez, esta afluenza de público amosa o gran interese da cidadanía por coñecer o patrimonio industrial da cidade.

venres, 26 feb 2010
A mostra está integrada por 180 pezas datadas dende a década dos 40 ata o 2001, e ofrece, agrupando os obxectos en distintas seccións, un itinerario que vai dende os procesos de fabricación á decoración, tanto manual como mediante calcografía. Asemade, é completada por un documental, "Alvarez. O espíritu da colmea", que explica a aposta polo traballo e a innovación desenvolvido polo que foi xerente do Grupo de Empresas Álvarez dende 1941 a 1975, Moisés Álvarez O'Farril, co que acadou a súa máxima puxanza.

"Xoias da colección Álvarez: Esplendor cerámico de Vigo" pode visitarse na Casa das Artes ata o 18 de abril en horario de luns a venres de 18 a 21.30 horas; os sábados de 11 a 14 horas e de 18 a 21.30 horas e os domingos e festivos de 11 a 14 horas. Para participar nas visitas guiadas é previso reservar chamando ao teléfono 986 295 070.

Máis información