Escoitar

A European Iberdrola Laser Cup abrirá a Semana Caixanova do Atlántico que reunirá a 1.000 embarcacións

Presentouse hoxe no Real Club Náutico de Vigo, a Semana Caixanova do Atlántico-Gran Premio Iberdrola, que será novamente o referente da vela lixeira do outono europeo. O tenente de alcalde, Santi Domínguez, salientou na presentación que esta probla "vai volver a facer de Vigo a cidade referente a nivel mundial dos deportes de mar".

venres, 2 out 2009
A Semana Caixanova do Atlántico contará con máis dun milleiro de barcos de toda Europa, así como doutras zonas do mundo, o que vén a supor que o listón cada día estea máis alto na cita máis emblemática de vela lixeira do outono ibérico. Santi Domínguez valorou o feito de que a pesar de estar en tempos de crise o Real Club Náutico de Vigo logrou non baixar o listón de calidade de edicións precedentes, ao acadar un acordo cos patrocinadores o que posibilita que a Semana Caixanova non reduza seu potencial nesta edición.

Catro serán os ciclos da Semana 2009, dedicandose o primeiro deles á clase olímpica láser, na que competirán máis de dous centenares de barcos de toda Europa. En xogo a European Iberdrola Laser Cup, con regatistas de países como Rusia, Croacia, Austria, Hungría, Gran Bretaña, Portugal ou Italia. Por parte de España estarán representadas a inmensa maioría das comunidades autónomas. Entre os participantes resalta a actual campioa continental de láser radial (clase olímpica) e 5º no mundial, a onubense Patricia Coro. As datas para o láser do 8 ao 11 deste mes.

O segundo ciclo arrincará o martes día 13 co Clinic "Internacional de 420", como preámbulo do Meeting que se celebrará entre os días 16 ao 18. Ata o momento inscribíronse 70 barcos de Francia, Irlanda, Portugal e España. Completan este ciclo as regatas de navegantes solitarios e "a dous", sendo a última proba puntuable para o Campionato de Galicia destas modalidades. No terceiro ciclo competirán as clases catamarán, snipe, vaurien, cadete, monotipos Platú 25 e radio control, compitiendo dos días 23 ao 25 máis douscentos barcos, fundamentalmente da Península.

A última semana estará dedicada exclusivamente aos máis pequenos, ao optimist (idades entre 10 e 15 anos), comezando polo Stage Internacional que estará impartido por adestradores de elite. Tras este encontro de alto nivel comezará a competición co Meeting Internacional Pescanova, considerada a competición de optimist máis importante do mundo, en unión da italiana do Lago dei Garda. Tres serán as categorías no Meeting: A, B e C; estando limitada a inscrición a un total de 350 barcos, que xa estaba cuberta no pasado mes de agosto.