Escoitar

Vigo acollerá a Supercopa de España de fútbol sala os días 7 e 8 de xaneiro coa participación de catro grandes equipos

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, anunciou este venres que Vigo acollerá a XX edición da Supercopa de España de fútbol sala os vindeiros 7 e 8 de xaneiro. Tras a sinatura do protocolo de celebración deste evento deportivo, no que tamén participaron o presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, o nacionalista afirmou que se trata "dun evento deportivo da máxima calidade que servirá tamén para seguir promocionando Vigo".

venres, 2 out 2009
1254488608protocolo.jpg
Santi Domínguez asegurou que o espectáculo deportivo "está garantido" neste primeiro título deportivo da tempada da Liga Nacional de Fútbol Sala, xa que participarán o vixente campión de Liga, El Pozo Murcia Turística, o campión de Copa e Supercopa, Inter Movistar, o terceiro clasificado da Liga regular, FC Barcelona, e o cuarto clasificado na Liga regular, Xacobeo 2010 Lobelle Santiago. O tenente de alcalde avanzou que os deportistas que conten con licencia federativa, así como os que teñan o carné de siareiros poderán presenciar os partidos de xeito gratuito, mentres que para o resto dos afeccionados e afeccionadas os prezos serán "populares". "Estamos seguros de que o pavillón das Travesas vai estar a reventar", afirmou.

O tenente de alcalde expresou a súa sorpresa poa "claridade de obxectivos" da directiva da Liga, según pudo comprobar onte tras a celebración da primeira xuntanza mantida para "completar detalles" e acadar Vigo "viva durante eses días unha festa do fútbol sala". Neste sentido agradeceu ao presidente da Liga Nacional de fútbol sala e a súa directiva por "estar hoxe na cidade e elixir Vigo para celebrar a vindeira Supercopa". Salientou que "é a mellor elección que puideron facer". Asemade, salientou que outro elemento fundamental que leva consigo a celebración deste título deportivo é a promoción da cidade, posto que os partidos van ser televisados.

O presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, pola súa banda, dixo sentir unha gran responsabilidade no que será o seu "primeiro gran acontecemento deportivo como presidente". "Pero tras coñecer onte a Santi Domínguez estou seguro de que imos triunfar porque hai unha total confluenza de intereses entre o Concello de Vigo e a federación", afirmou Javier Lozano. Ao respecto indicou que non so se trata dunha competición cos catro mellores equipos, senón que o obxectivo tamén consiste en que "a cidade se empape de fútbol sala e que os nenos practiquen este deporte". "Teño un gran recordo de cando estiven aquí coa selección, polo que estou seguro de que a cidade se vai volcar", destacou.

O concelleiro de Deportes salientou na súa intervención a importancia que teñen a celebración de grandes acontecementos deportivos no deporte de base. "A celebración da Supercopa en Vigo garante que os rapaces que practican fútbol sala teñan un escaparate e unha motivación para seguir practicándoo. Como concelleiro de Deportes estou encantado de que a Supercopa se celebre na nosa cidade", afirmou.
Descargar todas as imaxes